José Luis Martínez Sanjurjo, alcalde de Ordes: «A maioría absoluta non vai mudar o noso xeito de gobernar»

emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

XOÁN A. SOLER

O rexedor pensa que a vitoria chegou porque a mensaxe de «o dito e o feito» axustouse á realidade

29 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En maio do 2015 a loita por unha presa de votos entre o Partido Popular e Unión por Ordes acabou nun contencioso que gañou José Luis Martínez Sanjurjo, que nos anos seguintes viu cómo parte do seu grupo pasaba á oposición, abrindo a posibilidade de artellar unha moción de censura que nunca chegou. Agora, cunha maioría absoluta de nove concelleiros, case dez -engade o gañador-, Ordes e o PP comezan unha nova etapa.

-Como se consegue un resultado tan positivo nun momento que non é moi bo para o PP?

-A verdade é que os veciños apoiaron maioritariamente a nosa xestión destes catro anos. E a mensaxe que transmitimos en todos os actos, falando «do dito e do feito», chegou moitísimo á xente, porque o balance estaba aí. Penso que tamén se tivo un pouco en conta que o concello non podía manter a situación na que estaba hai catro anos con UxO cunha primeira parte do mandato, de máis de dous anos, na que todo foron atrancos. E a xente tampouco entendeu a volta de Manuel Regos á actividade política despois de estar practicamente desaparecido.

-A vantaxe da maioría absoluta é que non ten que negociar a formación do goberno. O de Ordes xa está deseñado?

-A intención de como quero facer as cousas téñoa moi clara. As cinco persoas que me acompañaron no mandato van estar no novo goberno. E hai tres incorporacións que evidentemente van ter as súas áreas de traballo. Pero o lóxico é falar con todos eles nos vindeiros días para abordar a xestión do Concello. O que teño claro é que a maioría absoluta non vai mudar o noso xeito de gobernar destes anos. Imos seguir sendo o goberno de todos os veciños, traballando con responsabilidade. O noso compromiso no 2015 foi o de escoitar aos veciños, e segue sendo o mesmo, traballando cos recursos públicos da maneira máis eficiente posible. E iso tamén foi o que viron os veciños.

-E nesa xestión, cales van ser as prioridades?

-Hai dúas cuestións moi claras: a problemática das beirarrúas de Alfonso Senra e, por suposto, o asunto de máis interese para todo o municipio, que é a aprobación provisional do Plan Xeral para poder envialo á Xunta e ter a aprobación definitiva do documento canto antes.

-A parálise das obras en Alfonso Senra deu para moito na campaña. Que foi o que pasou con elas?

-A verdade é que calquera proxecto parte dunha idea inicial que despois non ten por que axustarse á realidade. Neste caso atopámonos con que o que había debaixo nin tan sequera se parecía ao que se pensaba. Cando empezas a romper as lousas e atopas cousas completamente distintas, e a empresa non pon todo da súa parte para arranxar as cousas, o problema faise moito máis grave.

-E que se vai facer agora dende o Concello?

-Xa podo adiantar que estamos traballando en resolver o contrato e licitar de novo para que se poida volver a traballar canto antes. Eu son o primeiro que entendo e comprendo que os veciños e os negocios de Ordes non teñen que sufrir este tipo de situacións, pero é algo que nós non provocamos, nin moito menos. Tratamos de buscar unha solución facendo unha modificación técnica do proxecto, pero nunca fomos capaces de chegar a un acordo coa empresa para non ter que chegar a esta situación.

-Volvendo ao novo mapa político, como ve a nova corporación e o novo reparto de actas, sobre todo no caso de Unión por Ordes?

-Penso que quedou claro que UxO está amortizado, sobre todo o seu líder. E niso non ten culpa a xente que o acompañou na candidatura. Falamos dun líder que estivo 32 anos en política e que nestes catro anos desapareceu da vila e da actividade social, e foron os veciños os que o puxeron no lugar que gañou a pulso.

-E do resto de forzas da vindeira corporación?

-Do BNG non podo dicir nada negativo no trato institucional, e teño que recordar que fomos os únicos que nos puxemos de acordo para aprobar o PXOM. E foi o único candidato que me chamou para felicitarme polos resultados. Non sei que traballo van querer facer, pero coñezo ao cabeza de lista e tamén é unha persoa coa que se pode falar.