Manuel do Muíño: «Os excesos nas festas do verán poden descompensar doenzas crónicas»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

PACO RODRÍGUEZ

O médico de atención primaria ten atendido consultas de traballadores e deportistas con síntomas de calor excesiva

05 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas semanas anteriores a iniciar o mércores o seu período de descanso, Manuel do Muíño viu na consulta do centro de saúde de Ordes a «varias persoas con picadas de velutinas, abellas e outros insectos; e afectadas de dores musculoesqueléticas, sobre todo cervicais e lumbares, ou vertixes, por causa das variacións de temperaturas». Porén, «non tiven ocasión de atender aínda a ninguén con problemas de saúde por causa dunha calor excesiva. Outros anos si que me chegaron casos», afirma.

Manuel coñece ben a área sanitaria de Santiago, onde exerce desde finais do século pasado: «en xeral, nos concellos do interior o verán é máis tranquilo. Igual na costa notan unha maior presión asistencial, sobre todo onde multiplican a poboación, pois iso require máis esforzos nos centros de saúde e nos PAC».

Da súa experiencia en Ordes, Sigüeiro, Santiago e A Estrada conclúe que «no interior temos veráns en xeral con moita menos patoloxía respiratoria, menos descompensacións cardíacas, e as bronquites están máis tranquilas. Eses son problemas que preocupan moito noutros períodos do ano. Na temporada estival insistimos en certos consellos preventivos. Como que non haxa excesos de esforzos ou gastronómicos nas festas, porque poden descompensar a persoas con doenzas crónicas, como diabetes ou hipertensión, ao transgrediren as dietas ou esqueceren o tratamento», acrecenta.

Tamén verificou que «cando estamos de vacacións hai menos demanda na nosa consulta, a xente acode menos ao médico ou onde profesionais de enfermaría que teñen de referencia. Van menos a revisións». Parte das consultas son «por eses esforzos que se fan para preparar festas ou en traballos intensivos no agro, o que leva a que algunhas persoas se queixen de dores no pescozo ou as costas. Queren facer como toda a vida e moitas veces xa non teñen idade para levaren un ritmo como cando eran máis novas», di Manuel.

¿Que facer se hai unha calor excesiva, como estes días? «O mellor é evitar o sol entre as 13.00 e as 17.00 horas; beber máis auga e zumes, e a xente maior que o faga aínda sen lle apetecer moito; non traballar ao sol, e se o hai que facer, protexer ben a cabeza e nunca prescindir de toda a roupa, senón deixar sempre unha camisola, porque axuda a evitar a deshidratación e as queimaduras; e utilizar factores de protección superiores a 30, en especial as persoas de pel máis clara. No lar, estar nos espazos máis ventilados; ou dar baños de auga morna ou fresca. Todo iso contribúe para evitar situacións de deshidratación, que son o paso previo a un golpe de calor, que pode ser moi perigoso para a saúde», responde Manuel do Muíño.

Lembra que, en Ordes «o ano pasado tiven un deportista, que mesmo ingresou uns días no hospital, afectado dun golpe de calor tras participar nunha competición de atletismo, porque non se hidratou e se preparou ben. Precisou un par de semanas de baixa, demorou na recuperación. Tamén vin algunhas persoas desorientadas por se teren exposto a moita calor, aínda que non alcanzaban os 39.5 graos de temperatura nin presentaban un cadro definido de golpes de calor; traballaban no rural e foran atender animais ou facer tarefas nas leiras nas horas centrais do día, que son as peores», refire.

Os problemas da moita calor «comezan con sensacións de mareo, deshidratación, tensión baixa ou náuseas. Neses casos é bo levar a persoa para un sitio fresco, que levante as pernas, beba, e baixar a súa temperatura con panos fríos ou unha ducha en auga morna tirando a fresquiña. Tamén se pode pedir consello ao 061, que decide os recursos necesarios en cada caso», indica.

Experiencia. Manuel do Muíño exerce hai sete anos como médico no centro de saúde de Ordes. Antes estivo en Sigüeiro, no PAC de Santiago, na Estrada, e na Consellería de Sanidade.

Investigador. Participou en estudos sobre pacientes que usan oxíxeno, obesidade ou coidadores de dependentes.