Dos meigallos de Ardemil ao conxuro contra o feísmo que embelece unha vila

Entre as andainas deste verán de «Monumenta» para poñer en valor o patrimonio galego está unha por Ordes


Santiago / La Voz

A Galicia máxica, a das meigas e os feitizos, foi descuberta e documentada nos anos sesenta en Ordes. Casi un ano pasou Gustav Henningsen vivindo na vila para percorrer as aldeas da contorna, tralo rastro da bruxería, escudriñando pola parroquia de Ardemil. Di o folclorista danés que ao final deu cunha bruxa real, mesmo a fotografou, así como cunha chea de ritos que a xente de a pé (a que presuntamente non ía en escoba) seguía nas súas casas. Recompilou esas receitas que mesturaban relixioso e pagán, coas que se trataba de poñer remedio a todo canto mal había: se os cativos enfermaban, se das ubres das vacas saía sangue, para curar a ictericia ou quitarlle a sombra a alguén.

Daquela investigación, coa que o antropólogo conseguiu documentar este peculiar aspecto da identidade social e cultural practicado de portas para dentro, darase conta nunha andaina titulada Meigas e feitizos con Gustav Henningsen. Será o 18 de agosto, ao atardecer, como parte dunha das oito rutas programadas por Monumenta andar con arte, que por sexto ano propón unha serie de percorridos polo territorio galego cos que poñer en valor o patrimonio material e inmaterial.

No caso de Ordes, escolleuse a figura de Henningsen por tratarse de «toda unha autoridade de recoñecemento internacional en materia de Inquisición e bruxería». Deixou como legado para a posteridade un importante traballo co seu paso polo concello, xa que ademais aproveitou a súa estancia na comarca para fotografar todo tipo de escenas de gran valor para a etnografía, dende unha malla ata os xogos e bailes populares de Mesón do Vento hai máis de medio século.

A nova maxia urbana

Como guía, contarase co profesor de música e investigador Xavier Groba González, especialista no estudo da música galega de tradición oral e popular, ademais dun dos dous autores do libro Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galicia 1964-1968. Da súa man, os asistentes poderán revivir a Galicia máxica na que viviron algunhas nais e gran parte das aboas, porque as mulleres eran as grandes sabedoras deste acervo (aínda que curandeiros, como as meigas, habelos habíaos). Todo iso, enfrontado con outra realidade moito máis recente, que case por arte de maxia leva xa unha década resucitando os vellos muros de Ordes.

Trátase de máis de medio cento de grafitis e murais que se espallan, ano a ano, pola vila co festival Desordes Creativas. O Colectivo Mutante Creativo, o culpable de que os botes de pintura e esprais se botaran á rúa hai xa 11 anos para reivindicar os espazos públicos, guiará o percorrido vinculado á arte urbana da vila. Medianeiras de inmobles, muros de formigón, mesmo de centros de ensino e espazos públicos, sucumbiron a este conxuro contra o feísmo que converteu as rúas de Ordes nun museo ao aire libre, aparecido polo abracadabra dunha selección de artistas que representan o mellor do panorama galego, estatal e internacional.

E, como colofón á andaina, un concerto especial relacionado coa temática, como parte da reivindicación da música como patrimonio inmaterial da cultura galega. Tralo-Valo, o dúo da tocadora Carme da Pontragha e o zanfoneiro Ariel Ninas, interpretará algunhas das cancións do repertorio gravado por Henningsen na Terra de Ordes: muiñeiras, pateados, romances, alalás e agarrados que, de seguro, os máis maiores recoñecerán.

A cultura ábrese paso en cinco paradas do Camiño a Santiago

 

 

Xunto coa andaina por Ordes, que forma parte do itinerario do Camiño Inglés, a cultura abrirase paso noutras catro paradas da Ruta xacobea a través das rutas de divulgación patrimonial de Monumenta, promovidas pola Xunta. A primeira delas, A muralla de Lugo: patrimonio da humanidade e fogar dos vencellos, percorrerá o 4 de agosto integramente o monumento máis recoñecido da cidade, parada do Camiño Primitivo. O arqueólogo Celso Rodríguez Cao, o arquitecto José Pastor Ferreiros e Gustavo Ferreiro, membro da Sociedade Española de Ornitoloxía, conducirán a marcha.

A segunda delas, deterase ao día seguinte, no concello da Guarda, polo que transcorre o Camiño Portugués. A ruta partirá da estación marítima para abordar os alicerces da botánica e a meteoroloxía galegas, recordando a achega do pai Baltasar Merino coa axuda do xeógrafo físico Juan López Bedoya e do propio coordinador de Monumenta, Julio Gómez. O arzuán MJ Pérez porá a nota musical á xornada.

Valdoviño, en pleno Camiño do Mar, será o protagonista na andaina do 12 de agosto, que sairá da praia dos Botes (en Meirás). A interpretación do mar dende a costa servirá para falar da figura da oceanógrafa Ánxeles Alvariño nesta ruta, guiada polos mesmos convidados ca anterior. A música correrá a cargo de Ariel Ninas e Anxo Faraldo. E Emilia Pardo Bazán e os Pazos de Ulloa centrarán a sesión do 25 de agosto por Palas de Rei, parada do Camiño Francés, dirixida polo arqueólogo Vázquez Collazo e membros do Instituto de Estudos Ulloáns. A zanfona e contos de Francisco Romualdo completarán a proposta.

Fóra dos sendeiros xacobeos cara Santiago, Monumenta fará escala tamén no Camiño Real de Esgos e no patrimonio industrial dos Peares. Todas as rutas son de balde e hai prazas limitadas (inscricións en http://monumentagalicia.com).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Dos meigallos de Ardemil ao conxuro contra o feísmo que embelece unha vila