«En Santiago por calquera sitio que te movas ves xente cultivando a súa horta» Nome. Profesión. Rincón elixido.

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

ORDES

XOAN A. SOLER

Sempre lle gustou a docencia, xa de pequena lle daba clases a outros nenos

12 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

É de Lourenzá, dunha aldea que perdeu xente pero aínda segue tendo escola. Na súa época había feminina e masculina, e Elvira Cienfuegos (1953) xa era daquela boa estudante. Así que con dez anos marchou a Ribadeo, «ás veces queixábame, pero xa me dicían meus pais: ‘ou así ou quedar na aldea’». Seguiu coa súa carreira académica, primeiro nun instituto de Lugo e finalmente en Santiago. Na capital lucense vivía nunha residencia, «eramos moitas, estabamos moi a gusto e a verdade é que teño moi boa memoria daqueles tempos», conta Cienfuegos.

Non tiña moi claro que facer. Pero a docencia sempre lle gustou. «Xa lle axudaba aos veciños, mesmo de nena cando ía á escola había un neno que tiña dificultades e traballaba con el». En COU interesouse pola bioquímica, así que estudou Bioloxía «e non me arrepentín nunca». Tamén lle roldou secretariado de dirección, pero xa lle dixeron seus pais: «¡Co pouco que che gusta que manden en ti!».

Cando Elvira chegou a Santiago para empezar na universidade apenas tivera relación anterior con esta cidade. Aterrou no Colexio Maior Fonseca, e fíxoo un pouco intranquila porque as compañeiras e amigas que ían vir con ela finalmente non o fixeron. Atopouse a gusto axiña, «ademais -conta- tiven a sensación de que volvía a ver as mesmas caras e a cidade pareceume dunhas dimensións moi humanas». A exconcelleira nacionalista foi unha moi boa estudante. Tiña unha bolsa salario, polo que tiña que sacar boas notas en Bioloxía, pero ademais comezou Farmacia, que foi sacando con máis tranquilidade. Fíxoo porque lle parecía que lle ía gustar o traballo de laboratorio, «pero empecei, pensei que ía ser demasiado repetitivo e que prefería o ensino», conta.

Cando estaba facendo a tese saíron unhas oposición de secundaria e alá se presentou. O que se sentou ao seu lado díxolle que era a cuarta vez, «asustoume un pouco», ri, pero ela sacouna á primeira. A conciencia política de Elvira Cienfuegos non comezou moi de nova, foi máis ben pouco a pouco, e primeiro espertou o seu ecoloxismo. «No 77 estaban Adega e a Sociedade Galega de Historia Natural, foron as primeiras asociacións ecoloxistas e comecei a colaborar, eran momentos moi activos, ademais foi o caso das Encrobas, de Baldaio, da nuclear de Xove..., e logo veu tamén a época das celulosas», lembra. Cando esta catedrática de Bioloxía no IES Xelmírez II sacou a praza marchou a Carballo, logo a O Carballiño, a Ordes, e de novo Carballo ata chegar á capital galega definitivamente. Porque quedara coa idea de Compostela, «sempre tiven Santiago como punto de referencia, polas dimensións, polas características da cidade». E iso que alá por onde pasou, sobre todo na súa etapa polo Carballiño, estivo moi a gusto.

Gústalle moito o rural de Santiago, aínda que vive en Fontiñas. E destaca sobre todo os parques do municipio. Non pode escoller ningún, «cada un ten unhas características que o diferenza dos outros». Belvís, Bonaval, Vista Alegre... Tamén destaca da cidade que se manteña a conexión entre rural e urbano, «hai hortas, ovellas e vacas case no centro, ata hai nada vías ovellas na avenida de Lugo. Por calquera sitio que te movas ves que a xente ten cultivada a súa horta, a súa esquiniña de terra», explica.

Nome. Elvira Cienfuegos López. Naceu en Lourenzá e vive nas Fontiñas.

Profesión. Catedrática de instituto. Foi concelleira do BNG entre o 2003 e o 2015.

Rincón elixido. O parque de Salgueiriños, porque ten auga, que me parece un elemento fascinante; porque é un río humilde, o Corgo, pero con moita potencia; e porque agora é un espazo de aspecto natural pero hai pouco estaba asfaltado.