As troitas eran o noso winston de batea

Ramón Vilar CRÓNICA: INVENTARIOS ORDENSES

ORDES

A pesca furtiva de troita non estaba mal vista.
A pesca furtiva de troita non estaba mal vista. a.g.< / span>

17 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Era o comercial máis estirado de todos os que pasaban pola aldea. De velo noutro sitio, pasaría por aviador, pero o Renault-18 matrícula de Pontevedra non daba marxe a malentendidos: «Parade que vén o viaxante do ghuiston». Mentres nós xogabamos ao fútbol no medio da estrada Ordes-Carballo, o tipo abría o maleteiro, deixaba algúns cartóns e seguía a ruta. Naquel arranque dos oitenta, o tabaco da ría circulaba coa mesma normalidade que as botellas de xenebra ou os phoskitos.

Paralelamente, a pesar de non termos ría, nin bateas, na comarca de Ordes estabamos especializados noutro tipo de contrabando: o piscícola. Eran tempos dourados para o furtivismo. Por todas as parroquias había grupos que, con nocturnidade e aleivosía, esquilmaban ríos e regatos. A impunidade era norma. Moito do produto acababa en esmorgas, mais tamén había quen fixera daquilo un xeito de vida. As troitas vendíanse en restaurantes ou como moeda de cambio para pagar favores. Cantos quilos e quilos de troitas non acabaron en consultas médicas ou en despachos de avogados? A resposta daría para un ensaio.

Aquel furtivismo, como pasaba co tabaco na Arousa, campaba ás súas anchas porque non era visto como algo prexudicial para a sociedade. A ninguén lle importaba que se esquilmase un recurso que era de todos, ao fin e ao cabo, neste país o público é sinónimo de ser de ninguén. As cousas comezaron a cambiar cando o Seprona marcou a bisbarra como zona de especial vixilancia. Pouco despois, en 1992, chegou o gran golpe: unha lei autonómica, aínda en vigor, prohibiu a comercialización de troitas salvaxes.

Ao pouco de se aprobar aquela norma, sucedéronse as inspeccións en bares e restaurantes. Nunha delas, os axentes bateron cun grupo que ceaba a porta pechada. Entre os comensais, estaba un alcalde e un alto cargo con despacho en San Caetano. Ás veces a lexislación é tan avanzada que vai por diante da sociedade...tamén dos lexisladores.