Ordes, Girón de Velasco e o Conde de Romanones

Ramón Vilar ESTRADAS SECUNDARIAS

ORDES

25 feb 2015 . Actualizado a las 22:12 h.

Tiven un soño: a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaran un gran acordo para a disolución dos concellos e das deputacións. En aras dunha administración local máis eficaz e sostible, todas as forzas políticas acordaran camiñar cara a comarcalización. En Galicia, resultara máis doado porque as bisbarras teñen un forte arraigo económico e social. De 318 administracións locais (314 concellos e catro deputacións) pasamos a 53. A comarca máis habitada é a de Vigo (426 mil habitantes) e a menos é a de Terra de Caldelas (con só 3.600).

Na Comarca de Ordes pasamos de sete a unha soa administración. Custar custou, nuns concellos máis que noutros. Houbo quen fixo todo o posible para boicotear os cambios. Incluso apareceu unha familia coa que a Xunta tivo que negociar a recolocación do pai, da nai, do fillo, do sogro, da cuñada, de dous sobriños e de catro curmáns. «En fin, peaxes de tempos pasados, imperfeccións do sistema que haberá que ir corrixindo aos poucos», dixo nun aparte o conselleiro.

Seguimos. A Comarca de Ordes ten algo máis de 38 mil habitantes e de 755 quilómetros cadrados de extensión. No canto de 87 concelleiros que hai na actualidade imos contar cun Parlamento Comarcal con 27 representantes elixidos por sufraxio universal. Cos mesmos cartos poderemos ofrecer moitos máis servizos. Pero como? Racionalizando recursos. Dous exemplos:

-Urbanismo. Asumámolo, os concellos tiveron competencias urbanísticas, gastaron inxentes cantidades de cartos en persoal e asistencias técnicas e o resultado é o que é: pésimo. Necesítanse políticas urbanísticas que pensen nun desenvolvemento harmónico do territorio, nun futuro a longo prazo. Non é máis lóxico un departamento comarcal único que sete? Unha soa política de planificación, sostible e pensada, para toda a comarca? 

-Seguridade. Tiña algunha lóxica que un concello tivese un só policía local? Coa nova reordenación administrativa creamos unha Policía Comarcal que dará servizo real as 24 horas dos 365 días do ano.

Apliquen o mesmo criterio aos departamentos de Obras, de Servizos Sociais, de Educación, de Cultura, de Sanidade, de Deportes... Saquen as súas propias conclusións.

Mais os soños son iso que comeza a esvaecer tan pronto escoitas as escavadoras na rúa. A realidade di que faltan tres meses para unhas eleccións e que é máis doado recortar dereitos da maioría que tocar unhas estruturas caducas ás que se anoan demasiados intereses.

Explicoumo moi ben hai algúns anos un político da comarca tan cacique como sincero: «Mira neno, para gobernar só hai que aplicar unha máxima: Al amigo el culo, al enemigo por el culo y al indiferente la legalidad vigente». A consigna é de todo menos nova. Xa a fixera súa o ministro franquista Girón de Velasco e, décadas antes, o Conde de Romanones. E así estamos con ese gran nó gordiano: o dunhas administracións que se presumen de ser 2.0 pero que seguen a ter parte da súa alma, a máis escura, no século XIX.