Morre o fundador de Os Viqueiras

alicia pedreira ORDES / LA VOZ

ORDES

Manuel Viqueira Vieites, segundo pola esquerda, con outros músicos.
Manuel Viqueira Vieites, segundo pola esquerda, con outros músicos.

O ordense Manuel Viqueira Vieites era un valorado gaiteiro que impulsou as Noites de Tasca

10 feb 2015 . Actualizado a las 09:44 h.

Manuel Viqueira Vieites, ordense veciño de Guindiboo de Arriba e todo un referente na música tradicional da comarca, faleceu onte pola mañá aos 85 anos de idade. Músico apaixoado e autodidacta, coñecido coma «o gaiteiro de Villaverde», era un dos poucos que conservaba a dixitación antiga propia da zona e unha maneira de tocar pechada, complexa e ornamentada moi particular desde que con once anos, a gaita chegou ás súas mans.

Nos anos noventa fundou unha agrupación musical á que puxo por nome o apelido que compartía cos seus fillos, que se embarcaron con el nunha aventura que os levou a percorrer innumerables festas, eventos e romarías na súa terra e alén dela. Convertéronse nun dos grupos máis veteranos da zona e na actualidade contan cun cuarteto tradicional e a posibilidade de actuar con ata once músicos.

Ademais, hai case sete anos, puxeron en marcha a iniciativa Noites de Tasca, co obxectivo de fomentar a música tradicional e mantela viva en todas as franxas de idade. Celebradas o primeiro venres de cada mes, levan a música polos bares da vila e das parroquias da contorna, organizando unhas foliadas abertas ao público e á participación de outras agrupacións da zona. O éxito foi inmediato e axiña se fixeron un oco nas axendas dos veciños e acumulan xa máis de cincuenta convocatorias.

Considerado un dos mellores gaiteiros de Galicia, Viqueira leva ás súas costas tamén unha fonda labor de recollida de pezas tradicionais da zona de Ordes, ás que engadiu composicións propias que foron recompiladas en traballos discográficos. A súa morte causou pesar en Ordes, onde será soterrado hoxe ás seis da tarde.