«Teño unha química especial co rural»

Tamara Montero
Tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

O PINO

Carme Pampín, presidenta de Bioga e directora de la empresa Galchimia
Carme Pampín, presidenta de Bioga e directora de la empresa Galchimia SANDRA ALONSO

Carme Pampín, directora de Galchimia, considera que Galicia é unha potencia en ciencias

02 ago 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando fala por teléfono, debuxa estruturas químicas en calquera anaco de papel. Carme Pampín (O Pino, 1971), presidenta de Bioga, o clúster de empresas de ciencias da vida, creou no 2001 Galchimia, a primeira empresa emerxente de Galicia, no antigo laboratorio das minas de Río Tinto, no seu concello de nacemento. «Montei a empresa logo de ter feito unha licenciatura, unha tesiña e un doutorado, e non sabía emitir unha factura con IVE», lembra, para defender que hai que incluír na educación outro tipo de asuntos.

-Non é moi de entrevistas.

-Non [ri]. Non sei, non me gusta moito a exposición pública. Téñoa porque non queda máis remedio.

-Galchimia dedícase á síntese química. Sintetícese.

-Eu definiríame como unha persoa moi perseverante e positiva. Tento aprender de todas as situacións e son apaixonada do traballo ben feito. Non hai nada que me dea máis satisfacción que un traballo ben feito.

-Que molécula lle gustaría que Galchimia sintetizase?

-[Pensa]. Pois nestes momentos, e xa que estamos inmersos nun proxecto de investigación contra o cancro, si que me gustaría chegar a ter unha molécula realmente activa fronte ao cancro.

-Algunha que non querería sintetizar?

-As moléculas non son boas nin son malas, depende do uso que lles deas.

-Entón non lle gusta que digamos iso de «leva moita química» como algo malo.

-O noso lema é o de paixón pola química, pero tamén a boa química. A química está en todo: no noso corpo, no que vestimos, no que comemos... Hai un concepto moi pexorativo que non ten que ser así. A química está aí e facilítanos a vida moitísimo.

-Digamos que ten mala prensa.

-[Ri]. Efectivamente, ten moi mala prensa. Quizais está máis asociada a todos os aditivos de alimentación, e moitos son produtos químicos que veñen da natureza. O natural non quere dicir necesariamente ecolóxico. A existencia da raza humana xa é antiecolóxica, co cal temos que minimizar o impacto.

-Estamos no Pino, sede central de Galchimia. Ten boa química co rural?

-Teño unha química moi especial co rural [sorrí]. Hoxe en día si que é un valor. Os nosos clientes chegan en avión, non precisamos estar no polígono dunha gran cidade, precisamos estar preto do aeroporto. Poder compaxinar o vórtice das teleconferencias co Brasil, Inglaterra ou Alemaña e saír e escoitar as ras é calidade, pero é algo que está moi desatendido. Se tes tecnoloxías, no rural pódese vivir estupendamente, pero é certo que o poñen moi difícil. Eu para poder facer unha casa no rural tiven que esperar polos permisos cinco ou seis anos. É complicado, e habería que traballar en políticas que o favorecesen. 

-Como se leva a responsabilidade de ser unha referente?

-Non é para tanto [ri]. É certo que ao mellor non hai tantas mulleres liderando proxectos. Aínda que sexa eu a que sae nas entrevistas, realmente somos un equipo.

-Afeccionada ás letras, aínda que sexa de ciencias?

-Si. Gustaríame ter máis tempo.

-Que le?

-Novela policial.

-Algunha recomendación? 

-O comisario Jaritos, de Petros Márkaris, e Harry Bosch, de Michael Connelly, son os que teño agora de cabeceira.

-Que fai cando non fai ciencia?

-Gozar da vida familiar, da miña casa do rural e de non facer nada.

-Vai vendo química por todos os recunchos?

-A verdade é que da química xa estou un pouco afastada, porque na empresa houbo que separar os papeis e eu quedei na xestión. Ultimamente, como estamos coas novas instalacións, teño un metro no bolso e vou a todos os lados medindo [ri].

-Anda de arquitecta.

-De arquitecta totalmente. Así que agora o día que vexo a química é como un día de descanso.

-España esgana a súa ciencia?

-Creo que en España se fai boa ciencia e en Galicia faise boa ciencia. Non creo que haxa nin malos científicos nin mala ciencia, pero a materia que temos pendente é transferila, que o que facemos chegue a produtos que temos no mercado.

-Foi reelixida presidenta de Bioga. Que diría é o máis importante na vida?

-[Pensa un anaco]. Mi madriña...

-Agora que as fago decátome de que son preguntas difíciles.

-[Ri]. Difíciles si que son. O primeiro que penso é nos meus fillos, pero se vou un pouco máis alá é vivir a vida da forma máis honesta e auténtica que poidas. Ser consecuente co que fas.

-Galicia, que cada vez trae menos vidas ao mundo, é unha potencia en ciencias da vida.

-Porque somos unha potencia en ciencias. Parece incrible que se estean facendo proxectos tan interesantes en Galicia que son moi pouco coñecidos. Pero os medios cada vez prestan máis atención ás ciencias. Iso é fundamental.