Ruth Lorenzo Couso: «Sempre digo que se non fixera karate sería unha Ruth moi distinta»

raquel c. Pérez / s. l. SANTIAGO / LA VOZ

O PINO

CEDIDA

A compostelá leva un ano competindo no máximo nivel internacional dese deporte

15 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación de Ruth Lorenzo co karate comezou cun frechazo, cando tiña tan só cinco anos. «Foi amor a primeira vista». Esta compostelá, nada en 1991, participaba polas tardes nas aulas de ximnasia do seu colexio, o Lamas de Abade. Por mor dunhas obras, o alumnado de karate comezou a compartir espazo coa súa clase. Os ollos escapábanlle constantemente cara o bando karateca. «O monitor falou cos meus pais, eles apuntáronme... e até hoxe!». E hoxe é unha atleta que compite na Premier League de Karate. Nesta tempada chegou a estar dentro das cincuenta mellores karatecas da súa categoría, o kumite -55-

«Sempre digo que se non fixera karate sería unha Ruth moi distinta». Do seu deporte, Lorenzo destaca «a filosofía que transmite» e que ela trata de compartir co seu alumnado, xa que tamén é adestradora. «Cando aprendes a facer karate hai respecto polos mestres, polos compañeiros. Os alumnos maiores son responsables dos máis pequenos, teñen que dar un bo exemplo. É algo inherente á práctica do deporte».

A primeira vez que competiu «en serio» tiña catorce anos. Foi tamén a primeira vez que chegou a un campionato de España. Entón xa adestraba no club San Francisco de Teo, ao que chegou en quinto de primaria e do que nunca quixo marchar. Incluso cando marchou á Coruña a estudar Ciencias do Deporte e da Actividade Física, o antigo INEF.

«Cando tiña 18 anos as cousas non me saían como eu pensaba que me deberían saír», lembra. Daquela cuestionouse o seu papel na competición. «Pero aprendín a sentirme máis a gusto, incluso cando perdía». Coincidiu tamén no momento no que os campionatos se tornaban máis duros e demandantes.

«Estaba comezando a miña vida universitaria e á vez as esixencias do deporte eran cada vez maiores. Falou co seu adestrador, Óscar Lafuente. «Foi o momento de preguntarme se quería dar un paso adiante: Queres ir a por todas, aínda que vaias perder?».

Lorenzo decidiu «poñer toda a carne no asador». Recoñece que o resultado non foi o desexado. «Participei en varios campionatos nos que me clasificaba na quinta posición, en vez de conseguir a medalla. A nivel nacional resistíaseme». Non obstante, o seu esforzo, a súa paixón, non lle deixaron tirar a toalla con facilidade e ela marcouse os seus propios obxectivos. «Para min conseguín cousas. Houbo dous anos nos que para ir ao campionato nacional había que pasar unha fase previa, só pasaban as oito mellores de cada categoría, e eu conseguín clasificarme ambas veces».

Logo de rematar a súa etapa na Coruña comezou a dar aulas de karate e de ximnasia. A súa rutina é vertixinosa. «Dou aulas a nenos e nenas, a maiores, e tamén dou clases de actividade física a adultos en O Pino. Ás veces faise complicado. Non tes tempo para nada. É ir correndo a todas partes para que che dea tempo para adestrar. Tamén é verdade que a min me gusta moito, ao final nos deportes minoritarios imaxino que estamos todos igual. Para render tes que dedicarlle moitas horas e precisas traballar», confesa.

Lorenzo agradece a complicidade e comprensión do seu alumnado cando ten que marchar a competir. Na súa primeira temporada na Premier League, o máximo nivel no seu deporte, viaxou a Leipzig, Salzburgo, Rotterdam, Istambul e Okinawa. Este último destino facíalle especial ilusión. «É o soño de todo karateca, ir a Xapón. É unha cultura fascinante. Cando xurdiu a idea de ir, eu pensaba ‘como vou ir eu a Okinawa?’ E ao final, mira!».

Este verán continuará adestrando coa mirada posta no Open de Berlín de setembro. Tamén buscará patrocinadores que lle axuden a costear as viaxes. «Disto, polo momento, non se pode vivir. Por sorte ou por desgraza».

O San Francisco de Teo. É fiel ao clube no que entrou con dez anos. Destaca del o nivel do seu adestrador, Óscar Lafuente, pero tamén dos seus compañeiros.

Open de Berlín Seguinte obxectivo tralo seu paso polos tatamis de París, Salzburgo, Leipzig, Rotterdam, Estambul ou Okinawa nesta temporada.