Amancio Liñares Giraut: «Traballar no mundo do ensino é das cousas máis bonitas e dignas»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

NEGREIRA

Sandra Alonso

O tamén escritor e historiador vén de dicir adeus á docencia logo de 37 anos

14 sep 2021 . Actualizado a las 22:27 h.

«Mentres o río corra, os montes fagan sombra e no ceo haxa estrelas, debe durar a memoria do beneficio na mente do home agradecido». A frase é de Virxilio, pero veulle máis que ao fío ao profesor e escritor Amancio Liñares Giraut para dicir adeus, con sentido agradecemento, á docencia e aos compañeiros do instituto Xulián Magariños cos que pasou os últimos anos dun maxisterio que iniciaba en 1984 nese mesmo centro e que en cursos sucesivos o levarían a Ribeira, Noia, A Fonsagrada, Boiro e Santa Comba. Ata recalar de novo no 2008, e xa de xeito definitivo, no instituto da súa Negreira natal no que, dentro dese periplo profesional, tamén fixera escala para aprender no curso 89-90. Aprender si, na dobre acepción que ten o termo en galego. Porque igual que lle aprendeu aos seus alumnos, tamén o fixo el mesmo, di, nesa longa andaina docente á que puxo fin o pasado día 1.

Con 60 anos, Amancio Liñares dixo adeus ás aulas. Tiña ocasión de xubilarse xa, como tamén de prolongar a súa vida académica, pero entende que é o momento de deixar paso a quen tamén chama a esa porta: «Hai moito paro xuvenil». Discrepante cos argumentos «economicistas» de que hai que retrasar a idade de xubilación porque a esperanza de vida crece, mantén que «humanamente hai que darlle entrada ás novas xeracións». Iso si, agarda que estas e o sistema educativo saiban ver, máis aló da importancia tamén das novas tecnoloxías e do mundo dixital, que no ensino a comunicación directa, como a formación humanista, son esenciais. E a educación con excesiva burocracia resta frescura a esa comunicación, advirte.

Liñares vaise coa mágoa de que a pandemia truncase a docencia presencial e as saídas programadas cos alumnos nos dous últimos cursos, pero tamén coa satisfacción de terse dedicado ao que lle chamou de verdade: «Logo de tantos anos creo que non me equivoquei de profesión». E iso parece, porque «traballar no mundo do ensino -proclama- é unha das cousas máis bonitas e dignas que se pode facer, sempre que se teña vocación e se pense que se está formando a persoas para o presente e o futuro».

E iso sempre paga a pena, sostén este docente de Xeografía e Historia e historiador, escritor e editor, un home de compromiso galeguista e humanista volcado tamén en desentrañar e divulgar todo aquilo que contribúa a explicar e coñecer mellor a comarca de Barcala, como testemuñan moitos dos seus libros. A emigración, o agrarismo nunha comarca pioneira na concentración parcelaria e que contou coa primeira oficina de Extensión Agraria, e mesmo o impacto que a Guerra Civil tivo na zona, forman parte dunha ampla bibliografía en solitario ou en coautoría. E que, sen dúbida, crecerá. Porque a escritura, sempre tan apegada a el como a lectura dende ben cativo -«teño unha biblioteca xeitosa, meus pais nunca me choraron cartos para os libros»-, é unha das paixóns que seguirá cultivando, ademais de continuar a pescudar na historia da comarca, tamén dende o propio instituto no que hai días se xubilou como catedrático. Porque alí está o Centro de Estudos de Investigacións Barcalesas, «o noso Ceibar», dicía na súa carta de despedida aos seus compañeiros, unha iniciativa que xurdiu da conmemoración no 2011 dos trinta anos de ensino secundario en Negreira.

Pero tamén aspira Liñares Giraut a retomar esa entrega á tradución ao galego de obras universais, unha iniciativa coa que tivo ocasión de desfrutar na aventura editorial que emprendeu con Antonio Puentes en 3C3 Editores, en Santa Comba, e que a crise económica levou por diante, pero non sen antes sacar á rúa, entre o cento de títulos que deu 3C3, a primeira tradución ao galego de Veinte poemas de amor y una canción desesperada de Neruda e a compilación en Fiadeiros dos artigos semanais do propio Liñares nas páxinas deste xornal.

O protagonista. Liñares vaise satisfeito co traballo feito e por ter contribuído a formar novas xeracións de xoves -alumnos «aos que sempre lles digo, por favor, que me saúden pola rúa»-, pero tamén sabedor de que hai outras cousas ás que dedicarse e que pensa aproveitar