Negreira homenaxea aos músicos Manuel Adver Corzón e José Vaamonde

Emilio Forján NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

CEDIDA

Os dous artistas, xa finados, recorreron a comarca tocando a gaita e o tamboril

27 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Negreira réndelle homenaxe hoxe, no Día da Muiñeira que se celebra este mediodía na praza do Concello, a dous míticos músicos, xa falecidos. Manuel Raúl Adver Corzón Suárez, quen naceu no lugar de Rebordáns o 18 de agosto de 1924 e finou con 89 anos; e a José Vaamonde León, que naceu o 7 de decembro de 1925 en Arzúa, e finou aos 92 anos.

Manuel Raúl Adver Corzón, a quen todos chamaban Albert, foi un amante da gaita, aínda que tamén sabía tocar o órgano, o clarinete, o tambor e mailo bombo. Cando era novo xa facía con canas as súas propias flautas para estar entretido cando levaba as vacas a pastar. Foi un autodidacta que traballando na casa do frade de Burgueiros, lle mercaron ao fin unha frauta. El memso fabricaba con moito mimo as palletas para a gaita e era a el, a quen acudían músicos cada vez que querían afinalas.

Manuel e a súa gaita percorreron todos os recunchos da comarca tocando en romarías con amigos como O Quinteto de Portor, do que formaban parte: José de Covas; Luis e Marcial, de Gonte; Mesejo, da Barquiña, así coma o seu irmán José, quen tocaba a caixa. Amenizou durante moitos anos as festas das parroquias de Ames e tamén deu clases no teleclub de Logrosa. Foi un habitual das festas da zona, tocando só ou acompañando ao grupo Aloia. Foi carteiro de profesión, pero a súa verdadeira paixón sempre foi a gaita.

José Vaamonde León, coñecido coma o cobrador da lus, era o terceiro de oito irmáns dunha familia moi humilde de Arzúa, quenes eran caseiros e así foi como chegaron á comarca de Barcala, para traballar na Casa de Antelo, no Ceilán (A Baña), hoxe residencia de maiores. De regreso de Bilbao, onde foi á metalurxia, José comezou a traballar para o coñecido empresario Fabeiro. O seu traballo consistía na lectura dos contadores da luz polas aldeas.

O seu gusto pola música tradicional, tanto de gaiteiros como de bandas, veulle dende moi neno. Sendo mozo xa tocaba cos seus tíos en Arzúa, gañando cartos tocando polas festas, aínda que non foi ata xubilarse cando se puido dedicar de pleno, e como quen tocase o tambor ou caixa non había moito, pois comezaron a chamalo. Formou parte da banda Los Dubanes, de Val do Dubra.