Juan Alves: «Non estabamos preparados para as clases virtuais»

Emilio Forján NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

Sandra Alonso

O profesor do IES de Negreira recentemente xubilado afirma que «non temos nada que envexarlle aos de Santiago»

01 feb 2021 . Actualizado a las 22:08 h.

Os últimos vinte e tres anos da súa vida como docente pasounos no instituto Xulián Magariños, en Negreira, pero antes xa fora mestre noutros centros educativos coma o colexio de Urdilde (Rois), a escola de Miñortos, en Porto do Son; e o colexio do Coto, tamén en Negreira. O pasado 3 de decembro dixo adeus a máis de corenta anos como profesor deixando unha forte pegada entre tantas xeracións de alumnos.

-Quen lle xubila?

-Eu non me marchei pola idade, que os teño para xubilarme. A min quen me xubila é a covid, porque no ano 2019 tiven un pequeno achaque no corazón, no que estiven unha semana internado, por iso decidín deixalo, porque téñome que coidar. E a segunda razón é porque se imos cara un segundo confinamento, o ano pasado paseino francamente mal por ter que estar traballando a través da Rede e non ter boa conexión onde vivo, e non podes ter un traballo axeitado por videoconferencia cos alumnos, porque a Rede non vai.

-Segue habendo fenda dixital no rural?

-Eu póñome no lugar dos alumnos que viven no rural, e a conexión non vai como nas cidades. E aparte dese problema, tampouco estabamos preparados para unha docencia virtual. Colleunos a todos de improviso.

-Que supuxo para os docentes a pandemia?

- Pois máis tempo de dedicación, unha maior entrega e incluso poñer os nosos propios medios. Date conta que a administración non nos puxo medios, e creo que hai que dicilo, que non foi un curso normal e que o profesorado currouno, aínda que, como en todos os colectivos, houbese algúns que se desentenderon, pero a maior parte traballou.

-Vostede estaba cunha prórroga?

-Estaba en prórroga dende o 3 de decembro do ano 2019 por un ano. O motivo é que non hai suficiente profesorado de lingua castelá, porque nos últimos anos houbo moitas xubilacións de docentes desta materia.

-Levaba moitos anos na docencia?

-Pois máis de corenta. Empecei no colexio de Urdilde, onde vivo e botei seis anos. Despois estiven catro anos na escola unitaria de Miñortos, en Porto do Son. Foi unha experiencia de escola de aldea, moi familiar e con xente marabillosa. E dende alí, no ano 1988 vinme para o colexio de Negreira. E dende 1999 no Xulián Magariños, que teño que dicir que non ten nada que envexarlle aos institutos de Santiago.

-E asistiu a dous feitos catastróficos.

-O primeiro foi a inundación no colexio do Coto, cando eu era xefe de estudos. Foi polo Nadal e cando regresamos das vacacións, en xaneiro, atopámonos todo cheo de auga, que saía polas portas, xa que o tellado estaba moi mal e os canalóns son interiores. E o segundo foi xa no instituto, cando nun temporal voou a cuberta do segundo edificio, por febreiro de 2006.

-E que lles di aos seus antigos alumnos?

-Eu estou moi agradecido á rapazada, que cando vas pola rúa che saúdan, ou cando a miña muller tiña un negocio e viñan moitos por alí. Eu sempre me preocupei moito dos rapaces aos que lles faltaban medios e de tratar que quitasen un título, e despois cho agradecen.