A aldea de Cuncheiros

X. Amancio Liñares Giraut

NEGREIRA

03 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Agora, cando a pandemia seica puxo en valor o medio rural, é boa tesitura para o rescate dunha enigmática e derruída aldea negreiresa: Os Cuncheiros. A opción agraria pode ser aquel cosmético, simple miraxe ou anuncio de intencións. Mais esa atención ó ager supón máis có desleixamento ou o desprezo.

Preguntáronme por este ignoto núcleo, nos lindeiros de Negreira e Zas. E na resposta só son quen de remitir ó relato case centenario de Xulián Magariños (La aldea de Los Concheiros), para narrar o acaecido nesa área outro século atrás, na alba dos anos 1800. O autor das Notas retrospectivas de Negreira escribiu Concheiros, pero o topónimo Cuncheiros mantémolo aínda vivo na fala e nos mapas. O que non hai son as casas. Mágoa.

Os parágrafos seguintes debémosllos á narración de Magariños. O meu labor textual redúcese á súa exhumación, resumo, tradución ó galego e difusión. Velaquí...

No lugar dos Cuncheiros erguíase no abrir do século XIX tal aldea de tres casas. Unha muller casada concertou co seu amante a morte do marido, co auxilio doutro veciño. Executado o parricidio soterraron o cadáver nunha eira, chantando un palleiro sobre a súa tumba. Preto dun ano despois, nunha noite na que o cómplice estaba bébedo e créndose só, pisou forte no punto onde enterraran a vítima dicindo: «Non rexurdiches máis». Pero esas palabras foron oídas por alguén que deu parte á autoridade xudicial. Isto e as sospeitas que xa había levaron a que se practicasen pescudas. Fixéronse escavacións na eira e deron cos restos do marido asasinado. A Xustiza embargou os bens e encarcerou os implicados. Unha lenda negra tombou o lugar. As casas ficaron abandonadas e minguaron ós poucos. As súas pedras usáronse para fechar leiras.

Ata aí a achega de Leandro Lueiro Manteiga, quen lembraría terllo escoitado á súa avoa, contemporánea dos sucesos. Sendo mozo, afirmaba que inda estaban en pé as paredes dunha vivenda. Na versión de Manuel Fernández Villaverde, Os Cuncheiros amosarían catro casas, esa muller sería a taberneira da aldea e a vítima procedía de Souto (?). A descuberta do crime chegaría no día da malla. Facendo os pallotes, os asasinos falaban na cociña de que podían sentirse tranquilos, porque xamais se sabería do acto criminal. Mais o diálogo oíuno un operario cando ía beber auga e contouno. Este relator tamén recordaba ruínas das edificacións.

Un sitio con feitizo, suxestivo, para destaparmos.