Os aventureiros dos Cuncheiros

X. Amancio Liñares Giraut O FIADEIRO

NEGREIRA

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado 30 de xuño, membros da Cultural barcalesa Afonso Eanes acompañamos a Manuel Gago —experto en temas arqueolóxicos, escritor e profesor da USC— a unha descuberta da contorna, entre a vila de Negreira e as parroquias de Zas, Gonte e Broño. Estes «Aventureiros dos Cuncheiros» visitamos os restos dunha mámoa, os vestixios da enigmática aldea de Cuncheiros, a casona chamada da Taberna Nova e o castelo de Broño.

A mámoa, situada en zona montesía das proximidades de Zas e da antiga vía xacobea Santiago?Fisterra, é de grandes dimensións. Ofrece un xorne ben nidio como xacemento prehistórico, con signos de pillaxe en tempos pretéritos.

Preto dela e da citada corredoira, observamos os posibles restos do que fora Cuncheiros, aldea desaparecida hai máis de dous séculos. A estas casas derruídas alude o escritor negreirés Xulián Magariños nun dos seus artigos, onde tamén conta un tenso e fermoso relato sobre o lugar. Cuncheiros é un nome vivo na toponimia e mapas locais. Máis que vinculado ás cunchas dos moluscos, o seu étimo semella ter relación coas árbores, concretamente coas nogueiras, segundo apuntou o profesor e filólogo Antonio Puentes, tamén presente no encontro. A finca e casona rural da Taberna Nova, de pedra, co seu limiar de carballos centenarios e perímetro considerable, áchase na entrada de Zas. Dela comentouse unha hipótese: ¿terá que ver tal topónimo e construción coa achegada aldea de Cuncheiros e coa súa taberna pechada á forza?

As ruínas do castelo de Broño amosan un edificio do tipo mouta («mota»), pouco habitual en Galicia, con forma e foxos ben delimitados, amais dunha situación privilexiada nun outeiro sobre o Val de Barcala. Por iso Manuel Gago salientou a súa importancia como vestixio medieval, afirmando que adoita amosárllelo a especialistas no tema da Arqueoloxía e dos castelos.

Nesa viaxata tamén se falou da importancia doutros castros da bisbarra, coma os das Ameixeiras, Broño, Guimaráns, Vilachán e Nantón. Con Antonio Romarís destacouse o interese histórico-artístico de Liñaio. Así mesmo, púxose novamente en valor o campamento romano do Cornado (Bugallido), pola súa amplitude, situación e características. Varias publicacións xa destacan a súa importancia nas construcións militares romanas. Gago teima en realizar alí prospeccións con xeorradar e outras técnicas actuais, para mellor coñecer ese enclave estratéxico, e disque hai proxectos de estudo nesa liña de pescudas.