Xusto recoñecemento para Mita Álvarez en Barcala

e. forján NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

Homenaxeada polo 8 de Marzo polo seu impulso á muller e á mellora das condicións de vida no rural

06 mar 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

María del Carmen Álvarez de Ron Riopedre, quen fora axente de economía doméstica na axencia de Extensión Agraria de Negreira -a primeira que se creou en España- e cuxa tarefa estaba dirixida fundamentalmente ás mulleres, recibiu unha máis que merecida homenaxe do Concello de Negreira coa entrega do cuarto Premio 8 de Marzo. Mita destacou polo seu impulso á muller na sociedade, a través de accións formativas de educación sexual, planificación familiar e mesmo realizando viaxes e traballando aspectos para un recoñecemento da muller no ámbito profesional.

No acto interviu un antigo compañeiro seu, Joaquín Buergo del Río, quen fora director da oficina, así como a Asociación de Gandeiras Baneón (A Baña, Negreira e Brión), xunto cos fillos da homenaxeada, Mar e Dan Cruz. Tamén participaron no acto o equipo Equa de igualdade do IES Xulián Magariños, a concelleira de Igualdade, María del Mar García; e o alcalde, Manuel Ángel Leis, coa música da escola de pandereteiras.

«Con Mita foi un antes e un despois. As mulleres rurais non tiñan presenza na sociedade, podían decirlles aos homes que fosen a unha reunión e o que tiñan que decir, pero a muller non ía, e Mita foi esa persoa que lles cambiou a vida, pois sacóunas de estar na súa casa a ser activas e estar presentes na sociedade, cambiou a alimentación das familias e incentivou que mulleres e fillos se formasen saíndo dunha economía de subsistencia cara un desenvolvemento do agro», afirma Cándido Iglesias, gandeiro de Cabanas, xa xubilado, e lembra que Mita «era unha feminista activa, que deu a vida pola sociedade».