Carmen Crespo: «Un can non é un xoguete, e ninguén obriga a telos»

Emilio Forján NEGREIRA / LA VOZ

NEGREIRA

FORXAN

Preside a asociación Peludiñ@s Sen Fogar Negreira, onde se encargan de atopar adoptantes para os cans abandonados 

23 dic 2019 . Actualizado a las 09:43 h.

Todo comezou cun grupo reducido de voluntarias que decidiron coidar a Pulgas, o primeiro can abandonado que recolleron das rúas de Negreira. Axiña se lle sumaron máis madriñas, como Ana Vieito ou María del Carmen Crespo. Carlota Tuñas é a máis noviña: ten 11 anos acabados de facer e unha grande ilusión por coidar os animais, por suposto, acompañada de súa nai, que é voluntaria. Dende hai tres meses están constituídas como asociación, e o seu labor é impagable. Encárganse do coidado das mascotas, de darlles de comer e de buscarlles fogar.

-Como funciona Peludiñ@s?

-Somos once persoas voluntarias, nas que só hai un home, Libi, e cada día unha de nós encárgase de darlles de comer e da limpeza no terreo que nos cede o Concello, co que axiña subscribiremos un convenio para o uso do terreo e mailo coidado dos veterinarios, e nós poñemos o traballo. E cada un de nós temos que gravar en vídeo o que facemos e explicarllo aos demais.

-Cal é o fin principal?

-Coidar dos cans que son abandonados en Negreira e buscarlles un novo fogar, porque somos unha entidade sen ánimo de lucro, persoas ás que nos gustan os animais, e que non lle queremos sacar o traballo a ninguén, porque oxalá non tivésemos que acoller a ningún can. Non queremos ser unha canceira, e canto menos tempo estean os cans, mellor.

-Cantos cans coidan actualmente?

-Agora mesmo temos sete, pero dous xa están adoptados. Son dous dos tres cachorros dun cruce de pitbull con american stanford que foron abandonados a mediados de novembro na parroquia de Portor. O pasado ano chegamos a acoller a 53 cans, e ata marzo deste ano foron 91 cans que entregamos en adopción.

-Que requisitos piden para entregalos?

-Facémoslle unha entrevista á persoa que adopta, e ten que cumprir unhas condicións mínimas, como ter un lugar axeitado para que vivan alí, ou que poida darlle os coidados que precisan. Tamén se ten que facer cargo dunha parte da castración, porque non poden saír sen facérllela e sen que teñan chip.

-Que pensa de quen abandona animais?

-Que non son un xoguete, e ninguén lles obriga a telos. Débense coidar e tratalos ben, con cariño, e non telos atados como fai moita xente nas súas casas, ao frío e á chuvia.

-De onde saca a asociación os recursos?

-Aceptamos doazóns de comida. Moitos particulares e empresas doan, e temos un carro solidario, así como con campañas, como fixemos cun partido de fútbol solidario, ou con Gadis, con quen tamén recadamos bastante, e logo o grupo Vegalsa entregounos a nós e a outras asociacións da zona comida para cans, co que temos cuberta para moito tempo a cuestión dos alimentos.

-Algún proxecto en mente?

-O máis importante é que o Concello poida levar a cabo un proxecto para construír dez canís, cinco a cada lado do terreo, e que estean sobre formigón, porque o máximo que podemos ter son dez cans, xa que as crías que teñan estando aquí non contan. Sería algo moi importante para os cans.