Manuel Vilar: «Hai interese en potenciar o camiño de Santiago a Muxía por Brandomil»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

NEGREIRA

xoan a. soler

O antropólogo e historiador reivindica o patrimonio artístico, natural e cultural dunha ruta pouco coñecida

16 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre Santiago e Muxía hai un camiño, que pasa por Brandomil, de 86,3 quilómetros, e que se percorre en catro xornadas: de Santiago a Negreira, 20,9 quilómetros; de Negreira a Brandomil, 25,3 máis; de Brandomil a Berdoias, outros 21,1; e de Berdoias a Muxía, os 19 últimos. Manuel Vilar, antropólogo e historiador, con máis de dúas décadas de colaboración co Museo do Pobo Galego, reivindica nun libro esta ruta, pouco coñecida. Dá visibilidade ao seu patrimonio, pois «hai moitas rutas sen o recoñecemento do Camiño Francés, o Camiño Portugués ou o Camiño Inglés, poñamos por caso. Este de Compostela a Muxía estaba aí xa na Idade Media, ou mellor desde a época romana, pois pasa por centros importantes para a cultura romana como son Brandomil ou Moraime», esclarece Manuel Vilar.

Para comezar o relato cita a Álvaro Cunqueiro e a Otero Pedrayo. Salienta que «quero recuperar a historia dos usos dos camiños para a vida cotiá das persoas, pois os camiños existen porque se utilizaban para ir traballar, mocear, a unha romaría ou a unha feira. Iso é o que máis me interesa. E o feito de que Santiago e Muxía sexan dúas vilas relacionadas historicamente, tamén polo tema xacobeo. Por este camiño transitaron peregrinos e xente normal».

Este libro ten a súa orixe en que «por parte dalgunhas asociacións hai interese en potenciar o camiño de Santiago a Muxía por Brandomil; mesmo organizaron andainas. Penso que, afortunadamente, hoxe é un camiño minoritario; porque non son partidario das grandes masificacións». Foi por iso que, hai uns anos, Manuel Vilar recibiu o pedido de facer un relatorio sobre ese camiño. «No 2017 chamáronme de novo para que elaborase outro documento, salientando os aspectos xacobeos, porque llo querían levar á Xunta; e de feito si que lle foi presentado en novembro do 2017. Despois quixeron que transformase aquel texto nunha guía, e dediquei a iso o último verán. Finalmente Alvarellos acordou a publicación, que sae agora», indica.

O ano pasado fixo dúas etapas e percorreu diversos traxectos. Está convencido de que «ten valor dar visibilidade ao patrimonio artístico, natural e cultural desa zona. Hai tramos históricos do camiño que se conservan ben, con vexetación autóctona, carballeiras e outros elementos valiosos, de interese e atractivo. Falei con moita xente maior para investigar sobre a fortuna desa ruta e así deparei con lugares hoxe abandonados, alternativos ás estradas, o que me levou a procurar desvíos e rodeos, e a descubrir espazos de grande atractivo, belezas naturais, camiños vellos no medio de carballeiras, aldeas onde non vai ninguén e para as que promover este camiño pode ser unha axuda» di.

Os concellos de Zas, A Baña e Santa Comba e as asociacións culturais Grandimirium de Brandomil, San Luís da Pereira e Lumieira da Baña axudaron para a edición desta guía, que «leva de Compostela a Muxía indo pola marxe esquerda do río Barcala e pasando, desde Negreira, por Covas, Seoane, Ordoeste, Corneira, San Martiño de Fontecada, A Pereira, San Cosme de Antes, Brandomil, Baíñas e Berdoias», indica o autor.

Nas súas páxinas refire lendas, como a da Virxe da Barca ou a do conde Duarte; cita persoas de diversos países que andaron ese camiño, como o polaco Nicolás de Popielovo en 1484, Erich Lassota de Steblovo en 1581, máis tarde Christoph Guzinguer ou o monxe italiano Gian Lorenzo Buonafede Vanti en 1717, entre outros. Inclúe o testemuño do ilustrado José Cornide a comezos do século XIX, e 75 fotografías que convidan ao convencemento de que «andar os vellos camiños é reclamar o futuro», afirma Vilar.