«O máis beneficioso é o contacto coas familias»

A. F. C. FERROL / LA VOZ

NEGREIRA

PACO RODRÍGUEZ

Sandra Albor leva unha década de mestra na escola de Aro, en Negreira

22 oct 2018 . Actualizado a las 08:47 h.

Este curso, a escola de Aro (Negreira) ten 14 nenos, sete de tres anos, seis de catro e un de cinco. Sandra Albor (Teo, 38 años), mestra do centro desde hai unha década, recoñece que «a maior dificultade, agora mesmo, é polos nenos que inician a escolarización, ata que se adapten ás rutinas e ás normas da aula». Pero non se cambiaría a outro colexio: «A relación é moi diferente e os pais implícanse moito; é o factor máis beneficioso, o contacto coas familias».

-Moito a favor, ¿e algo en contra?

-Que non tes compañeiros, agás tres días á semana, nas horas que veñen os mestres de inglés e relixión. Xa non para ter un respiro, senón para falar, pedir opinións.

-¿E para os nenos que supón?

-Estás traballando contidos con nenos de cinco anos e aínda que os de tres non teñan que facelo están escoitando e absorben todo, e cando lles chega o momento xa lles soa. A atención é moi individualizada, cada un ten o seu ritmo e podo permitirme facer actividades de ampliación cun e de reforzo con outro, e nunha aula de 25 é imposible chegar a todos, aínda sendo do mesmo nivel.

-En canto aos medios materiais.

-Temos os mesmos recursos que calquera colexio grande, encerado dixital con proxector, unha normal e unha branca, cinco ordenadores... É unha escola cunha aula moi ampla, 60 metros cadrados, e dá para todo, porque é indispensable ter recunchos para cando vén a choiva e non se pode saír. Divídoos por equipos e vanse rotando polo recuncho dos ordenadores, o de cociña, pintura, biblioteca, quebracabezas...

-¿Como son os resultados cando chegan a Primaria?

-Polas noticias que teño, de Aro van moi ben preparados; o mérito é deles, que o traballan.

-¿Hai extraescolares?

-Si, facémolas coa unitaria de Lañas. Os nenos agradéceno, coñecen a outros e son moi felices.