Xabier Díaz e Adufeiras levan «Noró» á Noite Folk de Negreira

Emilio Forján

NEGREIRA

karlos abal

Malvela e Caxade completan o cartel esta noite, a partir das 22 horas, no refuxio de Covas

18 ago 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

O músico, compositor e cantante Xabier Díaz, xunto a Adufeiras de Salitre, presenta hoxe os temas do seu segundo disco Noró, na décimo sexta Noite Folk nun marco natural como é o refuxio de Covas, a un quilómetro do centro de Negreira. Encabeza un cartel que completan as actuacións das cantareiras de Malvela e a banda liderada por Alonso Caxade, a quen acompañará o trompetista negreirés Fernando Rei.

A música soará en Covas a partir das dez da noite, con entrada de balde. Dende o Concello de Negreira recoméndase aos asistentes o uso do aparcadoiro do parque empresarial, que está iluminado e conectado co recinto da festa.

Para Xabier Díaz, o de hoxe é un concerto moi especial. Como el mesmo recoñecía en Radio Negreira, vai ser o concerto máis próximo ao seu lugar de residencia en Brión, ao tempo que desvelaba que durante tres anos viviu en Negreira: «Teño unha especie de relación afectiva con Negreira porque é un concello que me gusta por auténtico e xenuíno. Tiven a oportunidade de dar algúns paseos polas parroquias e falar coas súas xentes, e facer sendeirismo pola beira do Tambre». O músico tamén acostuma achegarse á feira dos domingos e di abertamente que é «un deses concellos por descubrir». Tamén lembra que foi na Ponte Maceira onde gravaron o videoclip de Cantiga da Montaña, o primeiro single do disco The Tambourine Man (2015), que xa supera as 250.000 reproducións.