¿Lembramos a Pepe Ardeiro neste mes de xuño?

X. Amancio Liñares Giraut NEGREIRA

NEGREIRA

02 jun 2015 . Actualizado a las 13:47 h.

Pois si. Diso se trata. O poeta logrosán, o bardo barcalés, o noso amigo ó que botamos en falta... cumpriría 71 anos neste 15 de xuño. El dicía que estaba de aniversario o «15 X», aludindo á data das primeiras eleccións na transición democrática (15/6/1977). A aqueles mitins aurorais mesmo lle ten dedicado versos de seu.

Velaquí unhas notas biográficas sintéticas. Unha microficha necesaria, porque non é un home nin un nome que merezan ser enviados ós cavorcos do esquecemento.

Xosé Manuel López Gómez (Ardeiro) naceu na Chancela de Logrosa o 15 de xuño de 1944 e faleceu en Ferrol o 21 de decembro de 2007. Un evento literario levárao a aquela cidade e alí o sorprendeu a morte.

Pepe Ardeiro foi un poeta galeguista e un activista cultural, recibiu varios premios, publicou seis libros de poemas e textos en prosa. Traballou ata a súa xubilación como oficial no Rexistro da Propiedade negreirés. Membro fundador da Sociedade Cultural Afonso Eanes, formou parte tamén da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Participou en varias actividades sociais e culturais, na política -exerceu como concelleiro de Esquerda Galega en Negreira (1983), encargándose da área de cultura-, pertenceu á directiva da Asociación Alén Mar, e cantou no orfeón Terra a Nosa. Concedéuselle a Medalla de Ouro do Concello de Negreira en 2002. De formación autodidacta, salientaron como afeccións súas a literatura, o cine e a música. Por tres das súas obras recibiu galardóns literarios. Na néboa dunha espranza (1981) acadou o premio Cidade de Ourense (1981). En bela sombra e amaranto (1985) recibiu o Celso Emilio Ferreiro (Concello de Vigo, 1985) e O matiz esmeralda da sombra (1991) gañou o certame poético Eusebio Lorenzo Baleirón (Concello de Dodro, 1988). Os outros libros seus titúlanse Sombras e outras presencias (1992), Un xardín no tempo (2001) e Versos de ausencia e desagravio (2005). Noemí Álvarez, María Rey e Suso Sambade publicaron en 2008 o libro As douradas sílabas de X. M. López Ardeiro, sobre as súas vivencias, froito das conversas co autor. E do 2010 é outra edición póstuma, preparada por Xosé A. Ponte Far: Un tempo de amor e de voces na diáspora.

A súa poesía abeira o intimismo, o compromiso social e patriótico, viaxes, as lembranzas familiares e da terra natal, evocacións ós grandes poetas, a recreación da paisaxe, a soidade, o amor e desamor...

Quedáronnos amais verbas do Ardeiro no Boletín Afonso Eans, Ateneo Ferrolán, Dorna e 24 Follas, así como nos xornais O Norte e La Voz de Galicia. Tamén se incluíron textos seus en varios libros de Xesús Alonso Montero, Xosé Barreiro Luaña e Amancio Liñares. E fican aínda inéditas outras creacións.

O Concello de Negreira deulle o seu nome a unha rúa da vila en 2008. Na actualidade convoca un certame poético anual na súa honra (3ª edición, 2014).

¡Canto gardamos na memoria do ser e do ronsel de Pepe Ardeiro!