¿Quen foi Pedro Rodríguez Rodríguez?

X. Amancio Liñares Giraut O NOVO FIADEIRO

NEGREIRA

04 may 2015 . Actualizado a las 13:34 h.

Médico de profesión (O médico de Meiro), cultivador de estudos literarios, arqueolóxicos e históricos, ten rúa dedicada na vila dende os comezos da década de 1980, inda que nunca se lle colocou unha placa que a identificase, e tamén se coñece popularmente esta vía co nome de Avenida do Corpachón.

Nado na parroquia negreiresa de Xallas (1849), finou na aldea de Meiro (Aro), cando contaba 76 anos, o 31 de xullo de 1925. Algún tempo despois, o doutor Novoa Santos afirmaría nunha conferencia pronunciada na Habana: «Se perdió en una aldea remota de Galicia un hombre de gran valor», segundo o dicir da súa neta -Concepción Pensado-, quen tamén nos relatara que «tiña sona de ser home moi listo e vivía pobremente. Durmía de día e velaba pola noite. Era liberal e anticlerical», e este galeno «mantivo algún incidente co bispo de Santiago por traballos de investigación sobre a aparición do corpo do apóstolo». Os pais de Pedro Rodríguez y Rodríguez foron Ramona Rodríguez e un crego da contorna, que custeou os seus estudos no Seminario de Compostela e a carreira de Medicina. A súa formación en humanidades cultivouno no fondo coñecemento do Latín, un factor que lle permitiría elaborar requintadas traducións de textos históricos ó castelán.

Publicou escritos sobre prehistoria comarcal na prensa dos liberais de Barcala, da Federación Solidario-Proteccionista (periódico La Federación de Negreira y Baña, 1911); pero as súas maiores achegas atópanse nas páxinas da revista Galicia Diplomática. Nesta publicación apareceron da súa autoría: «Los Churruchaos. Guerra de Don Berenguel de Landoira, arzobispo de Santiago» (versión dun códice latino, con notas do historiador Bernardo Barreiro), «Grandimirium», «La Villa de Noya», «Las torres del Oeste», «Cronicón Iriense» (códice en Latín, traducido expresamente para esta revista) e «Los moros en Galicia».

Outros aspectos bio-bibliográficos seus quedan reflectidos nas liñas que anotou Xulián Magariños nunha das súas Notas retrospectivas de Negreira: «Don Pedro Rodríguez, historiador nicrariense». Dinos que dende os seus tempos de estudante, cando formaba parte da redacción de Galicia Histórica, foi moi amigo do «malogrado historiador gallego Bernardo Barreiro», con quen colaboraría na tradución de case toda a medieval Historia Compostelana. Das súas achegas na prensa local salienta crónicas referentes á historia da rexión barcalesa e a monumentos megalíticos existentes no monte do Corzán. E continúa escribindo Magariños: «Era también un inspirado vate, como lo demuestran las numerosas y exquisitas poesías salidas de su pluma (...). Si en sus trabajos históricos escribió en castellano, en cambio en los literarios no utilizó otra lengua que la vernácula (...). La única estrella que guiaba su pluma era el deseo de esclarecer la historia de su patria, el anhelo de reivindicarla (...)».