Melide é o primeiro concello da provincia no uso escrito do galego nos cemiterios
MELIDE
A mestra Socorro Cea acaba un censo con 169 de 3.004 panteóns en lingua galega
15 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Melide é en proporción porcentual o concello coruñés con máis inscricións en galego nos seus cemiterios. As 169 familias que nos seus panteóns lembran aos seus seres queridos con placas gravadas no idioma propio da comunidade representan o 5,6 por cento das 3.004 propiedades que integran o censo funerario do municipio. É o sexto da provincia en contar con esa relación xa completa, tal e como indica o profesor Bernardo Penabade, coordinador de «Palabra e Memoria», unha iniciativa de educación social que promove o estudo e o uso do galego na epigrafía funeraria. Os outros cinco concellos coruñeses co censo completo son os de Laxe, Ortigueira, Cerdido, Vilarmaior, e Miño. Penabade faise eco dos resultados dun traballo de campo, asinado por outra mestra e a activista da lingua: a melidense Socorro Cea, que percorreu a trintena de cemiterios das 26 parroquias do municipio melidense.
O camposanto con máis inscricións en galego é o municipal do Castelo, no casco urbano. Nel, o 12 por cento das familias, 69 das 509 contabilizadas, emprégano nas placas funerarias. A porcentaxe descende ata un 5,2 por cento no cemiterio, tamén municipal, de Furelos, o segundo de Melide con máis panteóns no idioma propio de Galicia. Son, en termos absolutos, 26 dos 500 contabilizados. Nos camposantos de titularidade parroquial, a porcentaxe no uso do galego diminúe, aínda que en cinco parroquias sitúase por riba da media do concello. Son os do Barreiro, con 9 panteóns en galego de 88; Maceda, que rexistra media ducia dun total de 67; As Cazallas, onde 10 de 117 familias empregan o idioma propio nas inscricións funerarias; San Salvador, con 8 de 121 panteóns en galego; e San Cosme, con 5 dun total de 78. Na beira oposta sitúanse, con porcentaxes por debaixo da media municipal, os cemiterios parroquiais de Baltar, Folladela, Santalla de Agrón e Zas de Rei. En cada un deles, só hai un panteón con inscricións en galego. Nos camposantos de Orois e Pedrouzos, non hai ningún.
En toda Galicia, só dez concellos, a maiores dos da provincia da Coruña, teñen concluído o seu censo de patrimonio funerario: 5 na de Lugo, 4 na de Pontevedra, e 1 na de Ourense. Todos os rexistros son froito do traballo de voluntarios como Socorro Cea, ou o tamén profesor Jerónimo Martínez, que iniciou en Ortigueira un proxecto aberto á participación cidadá, no que hai municipios co censo sen concluír que arroxan as mellores porcentaxes de Galicia. É o caso de Muros, cunha parroquia, a de Esteiro, cun 37 por cento dos seus panteóns en galego; e de Outeiro de Rei, cun 30 por cento.
«Tendencia emerxente» da fala propia na epigrafía funeraria galega
O estudo feito por Socorro Cea sitúa Melide como espello do que ocorre no resto de Galicia, onde «contrariamente ao que a priori se pensaba existen modelos de inscricións funerarias en lingua galega», sinalan dende «Palabra e Memoria». É máis, «palabras tan importantes como fillos e netos nas inscricións de recordo aos familiares falecidos son cada vez máis visible nas placas que os recordan», engaden en consonancia cun estudo do xornalista David Canto para o Consello da Cultura Galega que conclúe que o uso do galego nos cemiterios «mellorou substancialmente nestes últimos dez anos». A media xeral pasou do 0,8 ao 4 por cento, segundo indican. O equipo humano que traballa no proxecto de investigación, con datos de máis de 110.000 familias repartidas polos 313 concellos galegos, fala dunha «tendencia emerxente», atribuíble ao relevo xeracional e a unha mellora na atención das empresas funerarias.