Talento local para diversificar a mostra sectorial con viños e obradoiros de repostaría
MELIDE
O catador Martín Ferreiro ofrecerá unha maridaxe, e os doceiros Manuel Garea e Mary Mosteiro traballarán co produto
09 may 2026 . Actualizado a las 12:22 h.A programación da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional de Melide é máis ca ningún outro ano unha reivindicación e exaltación do propio. Do coidadoso facer dos doceiros locais na elaboración de melindres, ricos e amendoados con respecto a centenarias receitas familiares e co emprego de materias primas de primeira calidade darán boa conta quen se achegue esta fin de semana á localidade a mercar produto. Poñelo en valor é o obxectivo prioritario da festa, con actividades paralelas á mostra sectorial para as que a organización tirou de man de obra local. É outro valor seguro co que Melide exhibirá tamén talento e potencial. Farao con Martín Ferreiro, un catador profesional que representa a cuarta xeración dunha familia melidense tradicionalmente vinculada co sector vitivinícola; Manuel Garea, mestre de cociña e pastelería; e Mary Mosteiro, unha publicista de carreira e reposteira de oficio e de corazón.
O papel encomendado a Ferreiro, ao fronte de Viñoteca Ribeirao, é o de impartir unha maridaxe de viños co produto dos doceiros locais. E non é encargo doado, porque «o azucre é difícil de maridar», afirma o catador, que, pese a dificultade de casar caldos cun doce que, como o melindre, leva un baño de almibre que singulariza e conserva o produto, aceptou o reto, porque para el «falar de viños non supón problema algún», di. Ver a Martín Ferreiro facendo o que máis lle gusta —o seu traballo— será posible hoxe, entre as cinco e seis da tarde, no cantón de San Roque, epicentro da Festa do Melindre. «Seguramente acabemos cun viño doce e cunha maridaxe con ricos ou amendoados», avanza este profesional do mundo do viño, que ofrecerá un cata de caldos, pensada para desmitificar crenzas en torno ao produto. «É algo sinxelo, non complicado, ademais de importante, un arte, e non só unha bebida alcohólica», defende o catador.
A súa participación activa na Festa do Melindre precederá ao show cooking que Manuel Garea ofrecerá para afondar na potencialidade que, aínda co peso dunha tradición secular, teñen os tres doces artesanais de Melide. O cociñeiro e reposteiro tamén estará hoxe no cantón de San Roque amosando o seu saber e facer, cunha proposta que ofrecerá de seis e media a sete e media tarde. E igual escenario acollerá, de 13.00 a 14.00 horas, o obradoiro no que Mary Mosteiro, que hai catro anos se incorporou ao forno dunha das docerías de Melide, ensinará como se elabora a repostaría local.
A distinción de «embaixadores» queda na casa con Pilar López e Asetem
Non hai mellores embaixadores do seu que eles mesmos: os veciños. Ninguén coma eles para darlle publicidade ao que lles é propio. E na terra do medio, non hai melidense que se prece que non ofreza unha bandexa de melindres, ricos e amendoados como presente de agradecemento. Os produtos artesáns que elaboran os reposteiros locais adozan sobremesas máis aló das propias da comarca, sexa ou non un día de festa. Na que esta fin de semana se celebra en Melide, esa realidade verase recoñecida —o domingo no acto inaugural da Festa do Melindre— co nomeamento como «Embaixadores do Melindre» de, a maiores do pregoeiro, Pilar López e Asetem, o colectivo de empresarios da comarca.
A distinción a Pilar López recoñece «o traballo incansable, o compromiso e a defensa constante» que definen a súa longa traxectoria profesional como xerente de Asetem, «unha figura clave na dinamización do comercio local, e na promoción da nosa gastronomía e produtos estrela, como son os ricos, melindres e amendoados», sostén a organización. O nomeamento á asociación comarcal de empresarios recoñécea como «unha das entidades que impulsa, a través de diversas iniciativas, aos seus asociados e asociadas a promover e poñer en valor os amendoados, ricos e melindres, e a súa festa de exaltación».
Pilar López, Asetem, e o pregoeiro desta edición, o xornalista radiofónico Xosé Luis López Vila, uniranse a un selecto grupo de «embaixadores» do que forman parte persoeiros do mundo da política, da comunicación, do deporte, da cultura, e da gastronomía.