Foliada con Os d'abaixo, Felisa Segade, Tiruleque e Os Carecos

MELIDE

SANDRA ALONSO

Melide celebrará o 19 aniversario do seu encontro co folclore popular autóctono os días 25 e 26 de abril

29 mar 2026 . Actualizado a las 00:30 h.

Os veciños de Melide volverán «honrar o que somos, e poñer en valor a nosa música e cultura popular», dixo a concelleira Carme Liñeira na presentación este venres da programación da Foliada, que, os vindeiros días 25 e 26 de abril, alcanzará a súa décimo novena edición, cun cartel no que comparten cabeceira Os Carecos, Os d'abaixo, Felisa Segade e Tiruleque. A pandeireteira e a banda coruñesa estiveron na presentación da cita de exaltación do folclore popular galego, cociñada «cos ingredientes perfectos para que siga sendo un éxito colectivo», dixo o alcalde José Manuel Pérez, en alusión aos cantos de taberna, cunha vintena de agrupacións, e á marcha gaiteira e posterior serán, xermolo da Foliada que plantou no 2005 a asociación O Castelo.

Palabras de recoñecemento para ese colectivo tiveron o rexedor melidense e Liñeira, que debullou un programa no que tampouco se botan en falta a mostra de artesanía con instrumentos e traxes rexionais galegos, as exhibicións e obradoiros de baile tradicional —desta volta da man de Manu Seoane—, e a animación de rúa, con Os Treboeiros de Muimenta e a Banda de Gaitas de Ortigueira. Cun cartel deseñado por Caridad Rodríguez, de Creación Animal, o programa ten outros aderezos que fan que a Foliada de Melide sexa «unha das máis representativas de Galicia e un dos sinais de identidade deste pobo», sinalou o alcalde. A cita tamén ofrecerá unha sesión vermú, con Irmaus da Raia Seca; a presentación do libro O violín que trae o vento, de Adrián Méndez; e un espazo de xogos co que colabora desinteresadamente a Asociación Galega do Xogo Popular.