Melide irmanda a súa repostaría coa colectividade galega no País Vasco

Natalia Rodríguez Noguerol
N. Noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

A Festa do Melindre presentouse nun acto co alcalde José Manuel Pérez (centro), o concelleiro Xosé Igrexas e o reposteiro Alberto Rodríguez
A Festa do Melindre presentouse nun acto co alcalde José Manuel Pérez (centro), o concelleiro Xosé Igrexas e o reposteiro Alberto Rodríguez SANDRA ALONSO

A Festa do Melindre, que pregoará a segunda fin de semana de maio o creativo audiovisual Edu Lavandeira, distinguirá como «embaixadores» do produto á Casa de Galicia en Santurtzi e á alcadesa dese concello biscaíño

04 abr 2025 . Actualizado a las 20:37 h.

A colectividade galega na emigración, e, moi concretamente, a que forman os melidenses que buscaron vida no País Vasco, verá recoñecido o labor de promoción que fan da repostería artesanal que sae dos obradoiros da súa terra natal. Será de xeito oficial, e tamén merecido, porque «veñen pasar as vacacións, e sempre marchan cheos de paquetes de melindres, amendoados e, sobre todo, de ricos», explicou, este venres, o reposteiro Alberto Rodríguez na presentación da Festa do Melindre e da Repostería Tradicional de Melide. Na que será a  trixésimo terceira edición da cita de exaltación gastronómica, que se conmemorará a fin de semana do 10 e do 11 de maio, a Casa de Galicia en Santurtzi e a alcaldesa dese municipio biscaíño, Karmele Tubilla, recibirán a distinción de «Embaixadores» dos tres doces característicos da sobremesa melidense

A «festa máis doce de Galicia» servirá, así, para estreitar o vínculo con Santurtzi, espello da emigración melidense no País Vasco, que tamén verá representada a súa cultura e tradición musical. A mostra sectorial da Festa do Melindre, que desta volta terá o cantón de San Roque como centro neurálxico, diversificarase cunha programación que arrancará cun acto de irmandamento entre Melide e Santurtzi, simbolizado pola que será a primeira posta en escea artística da festa: unha exhibición de danza ceremonial vasca, a cargo da formación Zugaitza Dantza Talde, na que tamén soará a gaita galega. 

Un pasarrúas dos cabezudos de Melide e dos de Santurtziko Erraldoien Konpartsa, e a actuación da escola de baile e música tradicionais Herba Grileira coa éuskara Zugaitza Dantza Taldea forman parte, así mesmo, do programa para celebrar os trinta e tres anos da Festa do Melindre, que no seu cartel musical volve fusionar o folclore galego co vasco, subindo ao escenario ás bandas Korrontzi e De Ninghures. Ofrecerán senllos concertos, de acceso libre, o sabado 10 e o domingo 11, respectivamente. 

O director e creativo audiovisual Edu Lavandeira, vigués con raíces en Melide, será quen, na xornada dominical, pregoe a festa, que durante toda a fin de semana tamén acollerá diferentes obradoiros e exaltacións que un grupo de mulleres impartirán e ofrecerán, con melindres, ricos e amendoados. Os tres produtos serán, dixo o rexedor melidense José Manuel Pérez, «os protagonistas da festa», que «converte Melide no concello máis doce de Galicia, porque temos os mellores doces», engadiu Xosé Igrexas, edil de Promoción Económica.

Promoción do produto e da festa en Semana Santa e na Foliada

O concelleiro foi quen na presentación da Festa do Melindre debullou a programación, con propostas concretas tamén para o público infantil e o pasarruás da formación melidense Froito Novo, e anunciou as accións promocionais que se fan da cita ata a maio. Aos obradoiros en centros de formación nos que se imparten especialidades vinculadas coa repostaría súmanse nesta edición senllas accións cos hostaleiros locais. Participarán activamente na promoción de melindres, ricos e amendoados e na súa festa de exaltación durante a Semana Santa e na Foliada. 

Así, os vindeiros días 17, 18, 19 e 20, en catorce hoteis e pensións de Melide daranlle a benvida aos hóspedes cunha degustación de doces, de cortesía, mentres que a última fin de semana de abril, en vintedous establecementos de restauración poñeranse sobre a mesa manteis individuais conmemorativos da festa, con código QR para acceder á programación.