Melide non usa o galego no alén: só 9 de cada 100 lápidas están na lingua nai
MELIDE
Un estudo afonda no uso do idioma nos cemiterios do Castelo e de Furelos
03 nov 2024 . Actualizado a las 05:05 h.Cando hai dous anos Xosé González presentou en Melide a campaña impulsada polo colectivo que preside para promover o uso do galego nos actos funerarios, dixo: «Non se entende o porque se unha persoa se expresa durante toda a súa vida en galego, unha vez morre vai ser recordada para sempre nun idioma que non falou». Non lle faltaba razón ao presidente da Asociación de Funerarios para a Normalización Lingüística. A última enquisa do Instituto Galego de Estatística (IGE) sobre a situación do galego —data do mes que vén de rematar— sitúa a Melide como un oasis no deserto no que se está convertendo o uso na fala da lingua propia na comunidade. O galego é o idioma predominante entre preto do 83 por cento da poboación da comarca.
Esa realidade non é extensible á que Xosé González acuñou como a «parroquia de mortos». Vén de demostralo a mestra melidense Socorro Cea, que asina un traballo feito a pé de campo que reflicte «a presenza do galego nun escaso 9 por cento de panteóns e placas». Cea percorreu este ano os cemiterios municipais do Castelo e de Furelos, e dos 1.007 panteóns que suman ambos os dous camposantos —507 o primeiro, e 500 o segundo—, unicamente 88 —ou, o que é o mesmo, un 8,7 por cento— están en galego. Os datos relativos ás placas ou inscricións funerarias arroxan unha situación correlativa. Das 1.387 contabilizadas no cemiterio do Castelo, que é o do casco urbano, unicamente 98 teñen a inscrición en galego. Representan un 7 por cento. No outro camposanto municipal, en terreos da parroquia de Furelos, Socorro Cea contou 352 placas, das que 31 —un 8,8 por cento— están na lingua nai.
Pese aos «preocupantes datos», afirma a autora do estudo, empeza a asomar, aínda que moi timidamente, unha nova tendencia. No cemiterio do Castelo, 27 das placas en galego datan dos últimos catro anos. «Non está mal, porque son 98 en todo o cemiterio», afirma Cea, que aporta outro dato relevante. Dende a construción en 1845 do camposanto na zona alta do casco vello de Melide, pasaron máis de 136 anos ata que o galego escrito se empregou por vez primeira no derradeiro fogar dos melidenses. Atópase nunha placa funeraria do 1981, unha ducia de anos despois de que se aprobase. o 7 de xaneiro de 1969, a oficialidade do galego como lingua litúrxica.
Confirmación das funerarias
O uso maioritario do castelán nas exequias confírmano dende as dúas funerarias de Melide, nas que quen manda á hora de organizar os actos nun ou noutro idioma é o cliente. «Loxicamente», afirma José Luis Silva, de Funeraria El Mueble, para corroborar que «os enterros en castelán seguen sendo maioritarios». Non o desminte dende Funeraria Vizcaíno Javier Mancebo, quen pon sobre a pista de que a xente ten normalizado que na cerimonia fúnebre se emprega tradicionalmente o castelán. «Os que a queren en galego xa avisan», indica Mancebo, quen conta que neses casos tanto a necrolóxica como os recordos florais se escriben en galego, como o funeral se oficia no mesmo idioma.
Os datos recollidos por Socorro Cea nos cemiterios do Castelo e de Furelos forman parte da «Cartografía do uso do galego nos camposantos», así como do mapa «Camposantos con presenza da lingua galega». Ambos os dous traballos de investigación colectiva, presentados recentemente no Consello da Cultura Galega, conteñen información de 142 cemiterios galegos.