O duro bocado de patente local

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

Mónica Tarrío e Nieves Vázquez, de Panadería Tarrío
Mónica Tarrío e Nieves Vázquez, de Panadería Tarrío PACO RODRÍGUEZ

O «rico» é un doce de elaboración única e exclusiva na localidade melidense

10 may 2024 . Actualizado a las 23:40 h.

«Dos tres doces que avalan a tradición reposteira de Melide, o rico é o máis representativo, por ser a súa elaboración exclusiva desta localidade. A receita que custodian os reposteiros locais sinala como ingredientes desta singular galleta a fariña de trigo, o anís, o azucre, os ovos, e a manteiga de vaca, materia prima que define o sabor desta autóctona pasta melidense que ten un longo período de conservación, sen perder aroma, nin o seu doce sabor». O substantivo ten en Melide máis significado có adxectivo cando se fala de «rico». Dos tres doces da selecta repostaría local é o máis xenuíno, porque unicamente nos fornos da vila —e, en moitos fogares, tamén— saben do seu facer. A presentación do produto coa que arranca esta información é de Casa Melchora, onde Rubén Rodríguez ten representado a sexta xeración ao fronte do negocio familiar. Quen foron os seus compañeiros de oficio conservan cadansúa propia receita; todas elas, coas súas variantes, manteñen a esencia dun doce duro ao padal que está deixando de ser o gran descoñecido que durante un tempo foi da repostería artesanal de Melide. «O rico» ten cada vez máis venda nas casas locais de repostaría, onde tampouco hai queixa da saída que teñen durante todo o ano melindres e amendoados.

«Dun ano e pico a esta parte, o rico despáchase moito máis con diferenza», conta Román Varela, de Pastelería Trisquel. Na Tahona, «véndese incluso tanto como o melindre», comenta Patricia Sánchez, que comercializa o seu produto, ademais de no despacho da panadería, en supermercados, e a través de Galicia Calidade, o selo que llo certifica. Igual crecemento perciben na demanda do doce máis autóctono de Melide no Estilo, onde o reposteiro Alberto Rodríguez conta que «é o que máis sube en vendas, aínda sen ser o que máis se vende». Rodríguez, tamén presidente de Melide Terra Doce —a asociación local de repostaría— está convencido de que a Festa do Melindre «puxo o rico no mapa».

Na cita de exaltación da repostaría da Terra de Melide, que se celebra o segundo fin de semana de maio, haberá «ricos» de Trisquel, Tahona e Estilo para mercar. Tamén das panaderías e pastelerías Toques e Tarrío. Dende esta última casa de repostaría, localizada a dous pasos do albergue público—no casco vello de Melide—, Mónica Tarrío dá conta da maior venda que hai dos doces artesanais entre os peregrinos, «sobre todo de melindres, aínda que, ao preguntar polos produtos típicos, tamén levan ricos». De feito, «clientes de ricos, temos peregrinos que repiten. Veñen comprar —conta— ‘‘piedras'', como eles din pola súa dureza».

Dos tres produtos característicos da repostaría tradicional de Melide, o «rico» é o que máis e mellor se conserva no tempo, o que lle permite aos artesáns, como Mónica Tarrío e Nieves Vázquez, de Panadería Tarrío, traballar con maior antelación