O Consello da Cultura reivindica en Melide os cruceiros máis antigos de Galicia

MELIDE

CEDIDA

Celebra unha nova edición das xornadas coa cultura medieval como eixo temático

29 nov 2022 . Actualizado a las 04:55 h.

Mércores, 30 • 18.00 • Centro sociocultural Mingos de Pita • Acceso libre • Os cruceiros góticos galegos —cóntanse dezanove en quince vilas e cidades da comunidade— centrarán a primeira edición das xornadas que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará anualmente en Melide coa cultura medieval como eixo temático. Fernando Arribas, presidente da Asociación de Amigos dos Cruceiros de Galicia; Clodio González, investigador e autor dunha obra do Consello da Cultura Galega sobre os cruceiros galegos; o historiador vimiancés Xosé María Lema; e Xurxo Broz, arqueólogo e colaborador do Museo Terra de Melide serán os catro estudosos e divulgadores do patrimonio etnográfico galego que tomarán a palabra no faladoiro.

As xornadas botan a andar da man do CCG, a proposta da galería etnográfica da comarca melidá, dende a que consideraron oportuno darlle continuidade á conmemoración da asemblea de nobres e prelados que, en 1520, se celebrou na vila para reivindicar ao monarca Carlos I unha serie de demandas necesarias para o entón Reino de Galicia. No 2020 conmemorouse o cincocentos aniversario desa data histórica, que, logo da publicación o ano pasado do libro «A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide», volverase lembrar para reivindicar desta volta a singularidade dos dezanove cruceiros máis antigos de Galicia, onde hai uns 10.000 de todos os tempos e estilos.