O campionato de tirapedras volve con forza en Melide

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

PACO RODRÍGUEZ

A proba reuniu a medio cento de persoas de todas as idades

19 ago 2022 . Actualizado a las 14:24 h.

«Se non tiras con ganas de ganar, xa perdes [...] Non me saíu, pero alegre igualmente». Leoncio Loureiro estaba este xoves pletórico, feliz. Tanto antes como ao remate do Campionato de Tirapedras da Galiza Central, que, logo de dous anos de pandemia, se retomou en Melide, coincidindo cos festexos que na honra de San Roque se celebran na localidade. Aos seus 79 anos, Leoncio é o máis veterano do campionato, organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional para recuperar as prazas como espazos tradicionais de entretemento e socialización.

E así foi. A máis antiga de Melide, a praza das Coles, deixou de ser, por unha mañá, un aparcadoiro de vehículos no corazón histórico da vila «e converteuse nun lugar de xogo», como dixo Paco Veiga, dende a organización. Esa é, segundo confesa, a maior satisfacción para eles, ademais da sa rivalidade que aínda se conserva entre os participantes, logo de catorce edicións. «A competitividade é, neste caso, nociva; o importante é pasalo ben», defende Veiga.

De non ser así, Leoncio, un valor seguro no podio do campionato ao que onte lle fallou a puntería —«non practiquei nada», dixo—, non tería compartido as craves para dar no branco con máis dun dos participantes que reuniu a cita. Unha decena de cativas e de cativos de 8 a 14 anos, e corenta e dous tiradores e tiradoras na categoría de adultos puxeron a proba a súa destreza visual e o seu pulso na procura de bater coas tres dianas, dispostas a 5 e 10 metros de distancia do punto de lanzamento. De arma —inofensiva—: un tirapedras, que é un dispositivo de tres pezas, composto por un galleto de madeira, ao que se enfían sendas gomas lisas, unidas por unha badana de coiro. E de munición: canicas.

No peso desas bolas pequenas de cristal reside un dos trucos para tirar a dar. «Teñen que ser das máis pesadas, porque non se van para un lado e para outro», confesa Leoncio Loureiro. Nin con esas. Non é doado. Cada xogador dispuxo de seis tiradas, dúas por cada unha das tres dianas, que son de 12, 10 e 8 centímetros de diámetro, e con 1, 2 e 3 puntos asignados. A maior tamaño, menos puntuación. E a máxima que se acadou onte foron os 5 puntos que sumou Jose Cajide. Este veciño da Coruña non tivo de mestre a Leoncio, pero si a outro excelente tirador, Guillermo Gómez Lareo, que recibiu, a título póstumo, unha homenaxe da organización do campionato, pola súa participación activa nas pasadas edicións. Foi o primeiro gañador que tivo o campionato, que onte tamén distinguiu con trofeos aportados por Adega Mandil a Xavier Iglesias e a Fernando Álvarez. Na categoría infantil, Roi Álvarez, Eneko Rodríguez e Cibrán Cea foron os tres gañadores.