Unha tenda de calzado de autor con obradoiro propio ao pé do Camiño

Natalia Rodríguez Noguerol
Natalia Noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

Ramón Laia aprendeu o oficio de neno, e hoxe é o único zapateiro artesán que mantén vivo o vello oficio nunha vila na que chegaron a funcionar ata vinte talleres
Ramón Laia aprendeu o oficio de neno, e hoxe é o único zapateiro artesán que mantén vivo o vello oficio nunha vila na que chegaron a funcionar ata vinte talleres Sandra Alonso

Botíns, zapatos, sandalias, bolsos, carteiras, cintos... o xénero de Laia Zapateiros viaxa por medio mundo

25 may 2022 . Actualizado a las 12:23 h.

Cando Ramón Laia abriu o seu propio taller de calzado en Melide, fíxoo con «oito bolsos, unhas sandalias, e uns cintos». Non tardou en despachar o xénero exposto no escaparate, nin en caer na conta de que no facer das súas mans tiña a liña de traballo que volve singular a tenda con obradoiro que na histórica praza do Convento testemuña o abrazo dos Camiños Francés e Primitivo. Daquela, tiña 22 anos Ramón, que levaba dende os 14 aprendendo o vello oficio nunha das zapaterías con fabricación propia que había na vila. «Logo fixen un curso de perfeccionamento en Monforte, e un de marroquinería en Corme», lembra Laia, que tamén medrou no oficio ca teima propia da aprendizaxe autodidacta.

Nunha terra de zapateiros como foi Melide, onde a principios do século pasado chegaron a ter actividade ata vinte obradoiros de fabricación propia cun centenar de traballadores, hoxe é o único artesán do ramo que mantén viva a tradición na vila, que ten en Laia Zapateiros unha das poucas tendas de artesanía que hai no Camiño de Santiago onde o que se vende é de manufactura propia. Tanto o calzado, como os bolsos, carteiras, cintos, e demais artigos de marroquinería, son de autor. «O que se presenta é un produto artesanal, diferenciado, que nada ten que ver co que se ofrece nas tendas de souvenirs. É algo que sorprende e valoran os peregrinos», conta o zapateiro melidense. Do seu taller —que, na praza do Convento, é, xunto co museo etnográfico e a igrexa conventual, parada obrigada nas visitas guiadas para peregrinos — sae todas as semanas algún paquete para o resto de España e para o estranxeiro, con clientes que «é raro que non repitan», conta Ramón Laia.

A clave está na calidade do xénero, que o artesán acada coa materia prima e a técnica de cosido que emprega. Laia pon en valor o oficio con calzado feito a man, con coiro de tenreira de curtido vexetal, forros de badana que tamén se curte con cortiza de árbores nobres, e soletas en solas de coiro natural. O recoñecido sistema de cosido inglés Goodyear —«empalmillado» en castelán— é tamén crucial no resultado. Consiste en unir coa mesma puntada o corte, o forro, a soleta, e a vira, que son as catro pezas do calzado. «É o que fai o zapato», apunta Laia, que co casorio entre pel de curtido vexetal e o tradicional sistema de cosido asina «un zapato san para o pé, que se adapta ás características de cada un».

O calzado de autor deste zapateiro artesán de Melide colle forma en «deseños clásicos, pero actualizados», define. O botín Gilda, o zapato Oxford, e a campeira con trenzado natural son modelos insignes de Laia Zapateiros, onde ademais se fan a medida, tanto para home como para muller, botinas, botíns, botas de montaña, mocasíns, sandalias e outros modelos de zapato que tamén teñen despacho a través de Internet. Con todo, «o zapato hai que probalo», recomenda o zapateiro, que deixa o pavillón alto da zapatería galega —na que poucos artesáns quedan máis ca el— polas principais feiras estatais do sector.