Unha trintena de agrupacións participaron nos cantos de taberna, a marcha gaiteira e o serán, que dan paso hoxe ás aclamadas Tanxugueiras
24 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.
Ninguén coma eles para facer tremer as rúas musicalmente. Vailles na súa tradicional expresión sonora; no seu nome. Procedentes do concello pontevedrés de Tomiño, Os Treboeiros da Muimenta espertaron, este sábado, cos seus bombos de mallada a Foliada, que, logo de tres anos sen celebrarse, volveu reivindicar en Melide a música e o baile tradicionais galegos. Da sonoridade das gaitas, das pandeiretas, dos tamborís, dos bombos, e das letras máis populares do cancioneiro galego ocupáronse, de mañá, vinte grupos que recorreron con cadanseu repertorio dezaoito bares do casco vello da vila.
É onde late con forza un encontro que reuniu a afeccionados de Melide e dos municipios da contorna, con outros chegados doutros puntos da provincia como Os Do Fondo da Barra, de A Coruña . Foron quen gañaron o concurso de cantos de taberna, que é un dos momentos máis agardados da Foliada, xunto coa marcha gaiteira e o posterior serán que, xa de tarde, se celebrou na praza do Convento. Participaron once agrupacións folclóricas, oito delas da comarca melidá, que sacou así músculo musical, da par de formacións de Arzúa, Palas de Rei e O Morrazo.
Comando Curuxás púxolle fin ao primeiro día da Foliada, que ten hoxe todo un programa por diante antes de que Tanxugueiras lle poñan fin á presente edición. Ata á hora do concerto, previsto a partir das sete da tarde no parque Rosalía de Castro, poderase visitar unha mostra de artesanía, gozar coas actuacións da agrupación De Pé Feito, e da Cé Orquestra Pantasma, entreterse con xogos populares, e admirar a exhibición de baile de Xirandola.