Melide recupera a Foliada os días 23 e 24 con Tanxugueiras ao fronte de cartel

La Voz MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

Logo de tres anos sen celebrarse, regresa baixo a organización, por vez primeira, do Concello

02 abr 2022 . Actualizado a las 05:05 h.

Afeccionados á musica tradicional galega daranse cita os vindeiros días 23 e 24 en Melide para participar na Foliada, que, logo de tres anos sen celebrarse, regresa baixo a organización, por vez primeira, do Concello. Grupos de Sada, Betanzos, As Pontes, Antes de Ulla, Boqueixón, Teo, Cervo, de concellos da contorna como Arzúa e O Pino, e tamén de Melide, participarán no concurso de cantos de taberna na xornada inaugural do encontro, que ten como cabeza de cartel a Tanxugueiras. O concerto que ofrecerán o domingo 24 será de balde e as entradas poranse a disposición do público en vindeiras datas.

A edila de Cultura, Mayka Basalo, presentou onte a programación, que segue o esquema das anteriores edicións, respondendo á intención de «respectar ao máximo o legado da Asociación O Castelo», afirmou a concelleira, que agradeceu o traballo dese colectivo na organización da Foliada durante 14 anos.

Na, polo tanto, décimo quinta edición da cita coa música e co baile galegos —que xira en torno a unha mostra de artesanía— tamén se celebrará, o sábado, un serán, con once formacións da comarca melidá, xunto con outras chegadas de Arzúa, Palas de Rei, e O Morrazo. Tampouco faltarán, entre outras propostas, a previa marcha gaiteira, os obradoiros e a exhibición de baile tradicional —a cargo Bailabén e Xirandola, respectivamente—, e a actuación e sesión vermú dominicais, coa Agrupación De Pé Feito e Cé Orquestra Pantasma. O concerto para pechar a primeira xornada correrá a cargo de Comando Curuxás.