Xosé María Santín: «Quería dar a coñecer o patrimonio de Melide á xente máis próxima»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

Sandra Alonso

O neurocirurxán melidao estréase nas letras con «Oxímoro», unha novela negra ambientada na súa vila natal

24 ene 2022 . Actualizado a las 22:58 h.

Apenas quedan exemplares da primeira edición de Oxímoro, a obra coa que a editorial Toxosoutos presenta no eido literario a Xosé María Santín (Melide, 1981), quen asina unha novela negra que responde ao seu título, contrapoñendo a transparencia dun rapaz que descobre o mundo do seu arredor xogando co «geocaching» á busca de tesouros, coa intriga dunha cadea de asasinatos. O libro descobre a un autor devoto da lectura, e da súa vila natal, que eleva a escenario para reivindicar o valioso patrimonio que conserva da súa orixe medieval.

—Como acaba un neurocirurxián escribindo una novela?

—Escribir sempre me gustou, pero nunca atopaba o momento para poder facelo. Tiña as ideas claras e estruturadas, e, entre o confinamento, as gardas de traballo, e que, entre os tempos de estudo das dúas OPES que tiven o ano pasado, descubrín que escribir me relaxa, púxenme a facelo. E logo, a miña filla Mariña. Ela enreda para durmir, e eu son incapaz de perder o tempo, co que metín un escritorio na habitación para rematar.

—Que lle din os colegas de oficio?

—Pregúntanme todos de onde quito o tempo, e sempre digo o mesmo. Se tes unha idea, tes que centrarte nela, porque se lle empezas a dar moitas voltas, ao final nunca a levas adiante. É, ademais, cuestión de organizarse.

—Estréase en literatura explorando a novela negra. Por algunha razón en especial?

—A miña idea era realzar cousas que temos en Melide que penso que non valoramos. Non sabía moi ben como presentalas de xeito interesante para achegarllas á xente a través da lectura. A min a novela negra sempre me gustou, polo que pensei que unha trama con crimes podía funcionar como cebo para que a xente acabase lendo, ademais da historia que se conta no libro, sobre o noso patrimonio.

—Bota man da definición de conceptos e de citas de autores, refráns e poemas para introducir e concluír os diferentes capítulos. Ten que facer pensar a literatura?

—Creo que si. Lin fai pouco que o feito de que existan bibliotecas é sinónimo de que á xente lle gusta pensar. E creo que así é, que a literatura ten que facernos pensar, e evolucionar como sociedade, que falta nos fai.

—E está feito con esa intención?

—Está feito coa intención de que a xente pense un pouco nas cousas que vemos a miúdo e non valoramos. No libro digo que é porque estamos un pouco anestesiados das cousas fermosas que vemos no noso día a día. Non sucede así cando saímos fóra, quedamos admirados do que vemos, e que mesmo pagamos por ver, cando aquí temos verdadeiras xoias que non valoramos.

—Priorizou a escrita en galego, tendo en conta que ten un público obxectivo máis reducido có castelán.

—Cunha novela destas características, tan centrada en Melide, tampouco buscaba chegar a tanta xente. Seguramente, se estivese escrita en castelán, chegaría a moitas máis persoas, pero tampouco é algo que me preocupou. O que me interesaba era, sobre todo, dar a coñecer o noso patrimonio á xente máis próxima. Non pretendía que chegase a moito máis público.

—Como lle resultou o proceso de creación literaria?

—A mestura de datos históricos, moitos dos que obtiven do espectacular e pouco valorado traballo de dignificación cultural que fi o museo de Melide, con novela negra resultoume gratificante. Gustoume o proceso de elaboración, e o resultado final. Pretendía enganchar ao lector a través do xogo, dos asasinatos, e que, ao acabar de ler a novela, valorase un pouco máis o patrimonio que temos.

—É «Oxímoro» a ópera prima dun novo escritor?

—Na literatura galega non hai nada publicado que aborde as enfermidades neurolóxicas. Teño en mente unha novela baseada en casos clínicos para acercarlle á xente que non ten coñecementos na materia cales son os núcleos das emocións, ou como se opera un párkinson, por poñer dous exemplos.