A histórica Xunta de Melide ten xa un libro conmemorativo

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE/ LA VOZ

MELIDE

cedida

O Parlamento e o Consello da Cultura Galega editaron a obra

05 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asemblea coa que os poderes estamentais galegos se impuxeron ao monarca Carlos I nos albores da Idade Moderna conta xa cunha publicación propia. Presentouse este sábado en Melide, que, o 4 de decembro de 1520, acolleu esa xuntanza de nobres e prelados para reivindicar o voto en Cortes, entre outras demandas para obter máis capacidade de autogoberno no entón reino de Galicia. «A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide» é o título baixo o que vén de saír do prelo a publicación, editada conxuntamente polo Consello da Cultura Galega e o Parlamento de Galicia, no que constitúe «un grande exemplo de traballo e de compromiso coa cultura» de ambas institucións.

Son palabras do presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices, na presentación do libro. El mesmo, coincidindo co quinto centenario — o ano pasado— da asemblea, estendeu o convite para documentar un «acontecemento esquecido» sobre o que arroxaron luz dende o Museo da Terra de Melide, «coa sensibilidade de facerse eco da proposta dun veciño que non quería que a ocasión pasase sen pena nin gloria». Así o recordou e recoñeceu Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, que tamén gabou o traballo de quen, dende os seus respectivos campos, fixeron posible una «excelente» publicación, estruturada nunha decena de capítulos, asinados por once «acreditados» investigadores.

Un traballo colectivo

Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago (USC), é un dos autores, ademais do coordinador científico da obra colectiva, na que el mesmo e outros historiadores afondan na propia asemblea e no seu contexto histórico, definido pola política imperialista do rei e as revoltas na súa contra dos comuneiros castelás. De por nome e apelidos á vintena de nobres e eclesiásticos que participaron na Xunta de Melide, e de abordar a evolución da aristocracia galega encargouse, entre outros estudosos, Antonio Presedo, da Universidade de Vigo, que interveu na presentación da obra, xunto con Cristina Vázquez Neira, do museo melidense.

Ela, que agradeceu «ter situado a Melide e á súa historia no eixo dun fito relevante no devir histórico de Galicia», e Xurxo Broz debullaron a vila de principios do século XVI , e Xosé Manuel Broz, director da galería, os posibles escenarios da asemblea, ilustrada no libro por Alberto Taracido no altar maior da igrexa conventual de Sancti Spiritus. O histórico episodio «debe ser recordado todos os anos cos melidenses como anfitrións», reivindicou, pola súa banda, o alcalde José Manuel Pérez.