Celebrarase os días 19, 20, 21, 26, 27 e 28 deste mes no Centro Sociocultural Mingos de Pita con acceso gratuito
10 nov 2021 . Actualizado a las 05:05 h.
Melide volverá recibir a Semana da Música que organiza dende hai máis de tres décadas a Coral Polifónica da localidade para reivindicar e poñer en valor a enraizada tradición musical da comarca. Desa fonda pegada darán boa conta máis dunha ducia de formacións e de artistas en solitario que manteñen viva a afección pola música na Terra de Melide. Actuarán ao longo de seis xornadas que, logo de verse suspendidas o ano pasado a causa da pandemia, se agarda recuperen o caloroso aplauso do numeroso público que consolidou o evento musical coma un dos máis agardados do ano polos melidenses.
O cartel proposto pola Coral Polifónica de Melide anuncia para o vindeiro día 19, xornada de apertura da trixésimo primeira edición da Semana da Música as actuacións de «Cuarta Xusta» e de «A Bandiña de Melide». Tomaranlles o relevo un día despois o grupo de gaitas «O Balado de Toques», e a agrupación de música tradicional «Os Melidaos», mentres que o domingo, 21 de novembro, será a quenda do grupo de gaitas «Vide Preto», e da escola de baile e música tradicionais de Melide «Herba Grileira».
A Semana da Música despedirase a última fin de semana do mes cos concertos, o día 26, da charanga «Amigos de Visantoña», do grupo de gaitas «Pozo Pequeno», e dos solistas Xixela Garea, Irene Ruiz, Naiara Gómez e Xoán Curros. «Trisqueleiros», a asociación «A Maristela», de Sobrado dos Monxes, e a Banda Escola de Música de Visantoña actuarán un día despois; e a xornada de despedida, o domingo 28, correrá a cargo de «Froito Novo», Suso Ascariz, e da propia Coral Polifónica de Melide.