Santolina fronte a Goliat

María L. Sández LUGO

MELIDE

01 jun 2021 . Actualizado a las 17:18 h.

Estes días soubemos, a través das páxinas de La Voz de Galicia, que hai un grupo de botánicos destinado a coidar de que a autovía Santiago-Lugo non dane a Santolina melidensis. Puidemos descubrir, así, a existencia dunha flor, amarela e ventureira, que está restrinxida á área de Melide e é única no mundo e, polo tanto, feble e vulnerable á desaparición.

Esta historia ten algo de arquetípico que nos conmove fondamente e que subxace detrás de centos de relatos bíblicos, míticos e da cultura popular. Lembro que o meu avó, no fútbol, dicía que había que ir sempre polo máis pequeno. Esa fraxilidade de David fronte a Goliat vémola aquí, nesta humilde flor que abala ao vento sobre o seu talo esguío, que se ergue fronte ao devalar do tempo, convertida no derradeiro baluarte da resistencia contra o asfalto e as máquinas escavadoras.

Sempre gustei do dodo, esa ave especial, de perfil inconfundible, que os humanos, coa nosa insensibilidade, extinguimos para sempre no século XVII na Illa Mauricio. O seu problema era o mesmo ca o da nosa Santolina: restrinxíase a un hábitat moi preciso e cruzouse cos intereses dunha especie que, polo xeral, arrasa con todo. Por iso me parece tan fermosa esta nova sobre a Santolina. Faime sentir que, se conseguimos respectar esta flor, quizais tamén consigamos moitos outros desafíos dos tempos vindeiros en relación a este planeta, o único fogar que coñecemos.

As flores son a expresión artística da natureza, unha explosión de cor, aparentemente suplementaria, que enche os eidos, os xardíns e os lenzos dos artistas; un prodixio que acende as solainas e suaviza as cidades. Richard Ford empregounas como metáfora para un dos títulos máis fermosos e expresivos que coñezo: Flores nas fendas. Tamén aquí, nas fendas da nosa civilización asfaltada, agroma, tímida pero orgullosa, a Santolina melidensis.