Melide homenaxea a Rosalía, levando á rúa a súa poesía

La Voz MELIDE / LA VOZ

MELIDE

TURISMO DE MELIDE

Carteis con coñecidos versos da escritora galega máis universal penden das fachadas para conmemorar o seu nacemento

23 feb 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

Melide presume estes días de letras galegas. Máis en concreto das fiadas para a escrita pola autora galega máis universal: Rosalía de Castro. Con motivo da conmemoración o 24 de febreiro, mañá, do nacemento da poetisa do Sar, a concellería de Cultura volveu sacar á rúa a serie de pancartas, editada, hai dous anos, con poemas da escritora. Os diferentes carteis penden da fachada do consistorio melidense, así como de balcóns de vivendas e establecementos, localizados en varias rúas da zona vella e do centro urbano da localidade. Neles poden lerse significativos versos da poesía intimista e de denuncia social que Rosalía de Castro deixou escrita en galego en Cantares Gallegos e Follas Novas, as súas dúas grandes obras.

Teatro para os cativos

Ademais de darlle continuidade á campaña de difusión e posta en valor da figura e da obra de Rosalía de Castro a través de carteis con coñecidos poemas da poetisa galega, o departamento de Cultura do Concello de Melide propúxose achegar a escritora aos escolares, e, para iso, o alumnos dos tres colexios de infantil e primaria do municipio asistiron na Casa da Cultura á representación de «Rosalía, o lugar onde nacen as poetas». Dirixida pola ourensá Fina Calleja, é a primeira obra de teatro para cativos sobre a infancia da poeta galega, que se presenta como unha nena de carácter inconformista, creativa, curiosa, boa lectora e rebelde ante as inxustizas.

Rosalía de Castro ten unha destacada presenza en Melide, onde hai xa anos se bautizou co seu nome o espazo de lecer, habilitado no entorno do centro multiusos.