O Concello de Melide tómalle o relevo ao colectivo O Castelo na organización da Foliada

La Voz MELIDE / LA VOZ

MELIDE

H. ROMERO

A cita manterase a última fin de semana de abril

15 feb 2020 . Actualizado a las 05:05 h.

A asociación cultural O Castelo, que o ano pasado renunciou de xeito irrevogable a organización da recoñecida Foliada de Melide por falta de respaldo institucional, cedeulle os dereitos ao Concello para que sexa a administración local quen se poña á fronte dese encontro de exaltación do folclore popular galego. A cita manterase a última fin de semana de abril, e con esa previsión traballa o bipartito melidense, que toma o relevo na organización da Foliada, no que defenden como «a decisión máis axeitada debido á gran transcendencia que a Foliada ten na vila e en toda Galicia, tanto a nivel de divulgación da nosa cultura e de creación de lazos sociais, como tamén polo dinamismo económico que xera na vila e na comarca».

O colectivo O Castelo, que en catorce edicións converteu o evento nun referente para os grupos profesionais e para os afeccionados á música e ao baile tradicionais galegos, cedeu enteiramente os seus dereitos sobre o evento e a marca rexistrada “Foliada de Melide”, así como a utilización e xestión de logotipos, páxina web e redes sociais a ela asociadas. Un acordo mutuo entre ambas entidades favoreceu a entrega do testemuño ao Concello de Melide, dende o que agradecen a disposición expresa pola asociación cultural para colaborar «en todo momento» na que será a primeira edición de iniciativa municipal, para que a Foliada «volva ser o que sempre foi e que miles de persoas continúen achegándose a Melide para gozar da cultura tradicional», apuntan.