O IES de Melide presume de galego

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

O premiado festival musical impulsado polo equipo de Normalización Lingüística do centro celebra hoxe a sexta edición coa banda Ezetaerre como cabeza de cartel

31 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nos corredores do IES de Melide hai moito ambiente á hora do recreo. O normal en calquera centro de secundaria, ateigado de decenas de estudantes, organizados en ruidosos círculos nun día de choiva. O que rompe o cotián é a música que soa de fondo: sempre dunha banda con letras en galego. Entre outras, esta semana animou os tempos de descanso dos alumnos do instituto melidense Ezetaerre, un grupo de rap combativo que evoluciona nas súas composicións, sen perder de vista os valores da dignidade, solidariedade e humildade.

Así se presenta na súa paxina web esta banda nada na Coruña, que hoxe se desprazará a Melide para ofrecer un concerto no emblemático Pub Gatos como banda convidada á sexta edición do Eu Presumo de Galego. É un pequeno festival impulsado polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES ao que, o ano pasado, a Coordinadora de Traballadores da Lingua distinguiu co premio Mil Primaveras como mellor proxecto de fomento de galego na infancia e na mocidade. Os compoñentes de Ezetaerre terán un primeiro contacto cos estudantes nun faladoiro, esta mañá, no que se porán sobre a mesa «os pros, contras, facilidades e dificultades de facer música en galego, fóra dos circuítos comerciais de consumo maioritario», explica Marga Quintela, coordinadora do proxecto. Logo desa actividade matinal, na que tamén participará o polifacético Xurxo Souto, a xornada terá continuidade cun xantar de achegamento ao que asistirán mestres, estudantes e músicos, e, xa pola tarde, coa actuación de Ambalas e Os Rumorosos.

Son dúas formacións integradas por alumnos e ex alumnos do instituto de secundaria melidense que ben poden servir de exemplo do impacto que a iniciativa ten na xente moza, implicada na organización «dende actuar como teloneiros da banda convidada, a realizar o deseño de carteis, entradas, tatuaxes e camisetas», apunta Marga Quintela para destacar que «todo pasa polas mans e sae das cabezas do alumnado que transita os corredores do IES de Melide, e que fi que este proxecto, lonxe de esgotarse, medre cada ano máis e máis».

Destacadas bandas galegas como Nao, Superoito, Zënzar e Dakidarría precederon a Ezetaerre como convidadas no programa Eu Presumo de Galego, que «dende o primeiro momento foi acollido con entusiasmo tanto polo alumnado como polo resto da comunidade educativa», afirma Quintela, que tamén destaca a «sempre desinteresada» participación que, dende fóra do instituto, chega da escola de baile e música tradicionais Herba Grileira, e do Concello.