Ata sempre, José Ramón Rey Vila

Manuel Fernández LUGO / LA VOZ

MELIDE

FOTO MANUEL

Falece o empresario fonsagradino, natural de Melide, aos 65 anos

20 dic 2019 . Actualizado a las 22:38 h.

Na pasada semana, nunha habitación do HULA, rodeado de amigos coma sempre, José Ramón Rey Vila (Melide 1954), falaba distendidamente cando entrou unha efermeira e preguntoulle: «Vostede, de onde é?»; él respostou: «Da Fonsagrada». Isto non tería maior trascendencia se non fose que este melidense que decidiu gastar a vida na nosa vila, desde o ano 1979, cando se instalou como electricista de automoción, foi dende o momento mesmo da súa chegada, non só un integrante máis deste pobo, senón que se consideraba, e así vivía, un buronés de adopción e sentimento. Ao longo destes corenta anos demostrou ser un estandarte na defensa desta terra, aportando traballo, esforzo, ilusión e sacrificio. Rey era un emprendedor, creador de riqueza e aportador de ideas, un empresario que o seu vieiro era cavilar no benestar dos demais, antepoñéndoo ao seu propio. A sorte non sempre estivo do seu lado, a longa efermidade da súa muller e compañeira modificoulle o proxecto de vida, aínda que sempre soubo sobrepoñerse á adversidade con gallardía, humildade e valentía.

No recordo queda, un exemplo e referencia para moitos xóvenes e non tan novos, que vían en Rey Vila un conselleiro, un referente de honestidade, servizo e valores cívicos que tanto escasean nesta época que nos tocou vivir, e na que andamos a toda présa, desnortados sen saber de onde vimos nin a onde imos.

Ata sempre, compañeiro.