Música, troula, deporte rural, xogos e merendas no Festival do Río Castro

Tocarán Os Feroces da Galgueira, Lenda Ártabra, Mekanika Rolling Band, Os Melidaos e Tiruleque


SAN SADURNIÑO

A Asociación de Veciños O Castelo de Naraío leva vinte e seis anos poñéndolle música ao mes de xullo. O Festival do Río Castro volverá encher hoxe de ritmo, baile, deporte rural, xogos e merendas o entorno da Bóla, onde se celebra este encontro. A festa arrincará coa sesión vermú, ás dúas da tarde, animada polos ponteses Feroces da Galgueira, cun obradoiro de baile. O campo encherase de merendas e logo do xantar virá a quenda dos cativos, con xogos tradicionais (peón, tirafondas, aros ou zancos) e o espectáculo familiar «A fiestra dos soños», a cargo do grupo Os Trotaventos, a partir das cinco. No guión do día destacan os deportes rurais, desde as seis e media: tiro de corda, serrada con tronzador e o xogo da chave.

E haberá que reservar forzas para a noite, con varios concertos encadeados a partir das dez. Actuarán os ferroláns de Lenda Ártabra, Os Melidaos (Melide), a banda coruñesa Tiruleque e a charanga Mekanika Rolling Band, con versións de temas de Los Diplomáticos, Herdeiros da Crus ou O Xabarín Club.

Restricións do tráfico

A circulación será dun único sentido a partir da unha e prohibirase o acceso de vehículos ao campo do festival desde as dúas. O Festival Río Castro ten un orzamento duns 16.000 euros, sufragados polo colectivo veciñal e con axudas do Concello de San Sadurniño (2.000, dentro dunha partida anual para a asociación de 5.000), a Deputación (4.500) e a Cooperativa de Meirás de Consumidores e Usuarios (1.200). O Concello de Neda pon a agrupación de Protección Civil.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Música, troula, deporte rural, xogos e merendas no Festival do Río Castro