Dalia García Couso, alcaldesa en funcións: «O PP estará sempre para apoiar o que sexa bo para Melide»

Mantén que fará unha oposición construtiva se prospera o pacto de goberno de esquerdas


melide / la voz

Dende que hai tres anos e medio Ánxeles Vázquez lle cedeu o cargo para incorporarse ao Goberno galego, Dalia García Couso é, aos seus 33 anos, a segunda alcaldesa máis nova de Galicia; en funcións dende que, o 26 de maio, o PP perdeu a maioría electoral coa que gobernou en Melide nos dos últimos mandatos.

-Cederon case 600 votos. Que lectura fan desa perda de respaldo electoral?

-As siglas do PP neste momento, cunhas eleccións nacionais tan próximas no tempo, puideron marcar certa porcentaxe de diminución de apoio electoral. Iso sen esquecer que ás eleccións locais, máis personalistas, concorreu, por primeira vez, unha forza política nova cara a que se moveu esa barreira do 30 por cento do electorado que, non sendo un voto fiel ao PP, se move en cada elección. Era unha cuestión que non agardabamos. Si é certo que ter oito anos o goberno nun concello con cambios de todo tipo e xestionar con crises e axustes, alleos ao Concello de Melide, e con menos capacidade de investimento, tamén puido marcar unha parte importante da perda de votos. En todo caso, hai que analizar con moito tempo as causas, e neso estamos e traballar xa, para conseguir os votantes de volta.

-Asume o resultado como unha derrota persoal, tendo en conta que se estreaba como cabeza de lista?

-Non é unha derrota. Somos a lista máis votada e quen, polo tanto, gañamos as eleccións. A estas alturas, non sabemos quen vai gobernar Melide, pero entendemos que os dous partidos que están dispostos a pactar non son gañadores. Asumímolo, evidentemente, como un equipo porque aquí se toman decisións, aínda que, como candidata que fun, manteño esa parte de responsabilidade a nivel persoal.

-Defende que son os gañadores das eleccións. Non reivindica, como fai o PP cando perde maiorías, que goberne a lista máis votada?

-Sempre reivindiquei que se respectase a lista máis votada. Entendo que é unha decisión que se tiña que ter tomado dende hai tempo a nivel lexislativo. Pero xogamos en democracia e, por suposto, que non imos discutir se hai pacto de goberno porque o permite a lei. Sen embargo, si entendemos que como somos a lista máis votada, cun apoio de case o 45 por cento dos electores, somos os que temos máis lexitimidade. Estaremos ao servizo dos melidenses alí onde poidamos servilos mellor. Nós entendemos que no goberno, pero se hai pacto finalmente, pois nos tocará ser os xefes da oposición.

-De prosperar o pacto, vai estar na oposición, entón…

-Por suposto que vou estar na oposición.

-Que oposición vai facer?

-Como teño o enorme orgullo e a sorte de representar aos meus veciños, e como estiven no goberno e fun moi crítica moitas veces con algunhas posturas que adoptou a oposición ante certas cousas, será sempre unha oposición construtiva, pero tamén seguindo moi de cerca os pasos de, chegar a haber, ese novo goberno.

-Que espera dese novo goberno?

-Espero, sinceramente, que o primeiro que primen sexa Melide. Lamento moito non poder ler nos titulares de prensa o que van a facer por Melide, senón que o pacto que intentan fraguar sexa para apartar ao PP do goberno. Gustaríame que empezaran a falar de Melide, de cal é o proxecto que teñen para Melide e de que van facer nos vindeiros meses e anos, que lles tocará estar ao pé do canón para servir aos veciños. Aí estaremos sempre os do PP. Para apoiar o que sexa bo para Melide.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Dalia García Couso, alcaldesa en funcións: «O PP estará sempre para apoiar o que sexa bo para Melide»