José Manuel Pérez, alcaldable de Melide: «Tendémoslles a man para un concello aberto, xusto e eficaz»

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

CEDIDA

O líder de Adiante Melide está seguro de que rexerá co PSdeG ao compartir proxectos e preocupacións

31 may 2019 . Actualizado a las 14:22 h.

Adiante Melide e PSdeG teñen pendente sentarse para facer efectivo o cambio de goberno que pediron os melidenses nas urnas. Nese executivo de progreso que sentará ao PP nos bancos da oposición José Manuel Pérez Penas está chamado a ser alcalde. A formación municipalista que encabeza presentouse por vez primeira ás eleccións e irrompeu con 5 concelleiros elixidos.

-Foi chegar e bicar o santo. Agardaban ese resultado?

-Sinceramente, dado o malestar que a xente nos transmitía día a día, pensabamos que o resultado podía sorprender a moitos. Durante a campaña insistimos moito na idea de que saiamos a gañar, e despois pasaría o que tivese que pasar, pero tiñamos o convencemento de que existía unha oportunidade para o cambio.

-Deixaron sen representación ao partido baixo o que, ao igual que algún dos seus compañeiros de candidatura, ten desenvolto a súa actividade política. Son un lastre as siglas do BNG?

-Non creo que sexa oportuno entrar en valoracións sobre o resto de partidos. En todo caso, nas eleccións municipais é onde as siglas teñen menos peso. No ámbito local vótanse, sobre todo, persoas e equipos.

-E tamén se fixeron cuns 600 votos sen os que quedou o PP. Como se accede ao caladoiro electoral dunha formación hexemónica en Melide?

-Presentamos un equipo altamente cualificado, unha mestura de persoas con experiencia e outras máis novas, pero con moitísima ilusión e capacidade de traballo. O desánimo, o malestar e, sobre todo, as dificultades coas que diariamente se atopaban as entidades e os veciños deste concello crearon un clima no que moitas persoas con ideas moi diversas se quixeron sumar a un proxecto por e para Melide. Certo é que era moi difícil, porque o PP ten unha fonda estrutura neste concello, mais respirábanse no ambiente tempos de cambio, ilusión por un xeito distinto de facer as cousas.

-Reprocháronlle que viñera a Melide a continuar a súa traxectoria política, tras tela madurado en Oroso. Por que deu ese paso?

-Crieime en Melide, teño á miña xente en Melide e doíame moito ver como este concello navegaba cara a unha situación agonizante. Xuntámonos un grupo de persoas con esta preocupación e pensamos que era o momento de implicarse. Eu vivín no concello de Oroso por motivos laborais e agora que me prexubilei decidín que era o momento de achegar algo ao lugar que levo no corazón, do que estou orgulloso de ser e pertencer.

-Que vai ser innegociable nas conversas co PSdeG para chegar a un acordo de goberno?

-O innegociable chámase Melide. A nosa proposta como formación política foi moi clara dende o principio, Melide. Estou convencido e creo firmemente que imos coincidir co PSdeG na maior parte do que precisa este concello. Tendémoslles a man para construír xuntos un concello máis aberto, xusto e eficaz. Non creo que teñamos moitos problemas para entendernos porque os dous proxectos pensan no benestar das persoas, nas necesidades deste concello e en ofrecer á cidadanía respostas diferentes ás que estaban acostumados.

-Que lles van ofrecer?

-Insisto, a proposta chámase Melide e estou totalmente seguro de que imos chegar a puntos de acordo porque ás dúas formacións nos preocupa comezar a dar un xiro a este concello. O fundamental non vai ser quen ocupe cada posto, senón as políticas que imos poñer en marcha.

-Que medidas serán inmediatas?

-O primeiro que teremos que coñecer é como se atopa a situación económica do concello, porque asistimos nos últimos tres meses a un gasto que nos preocupa e non sabemos como quedaron as contas do concello. En segundo lugar, e máis importante, reunirse cos axentes sociais para coñecer de primeira man os seus problemas e artellar un plan para darlles resposta contando con eles. A partir de aquí, comezaremos a desenvolver aquilo que levamos no programa. O noso programa é un contrato cos melidenses. De todas maneiras, a nosa andaina comezará a camiñar nun momento no que hai que dar resposta ás distintas actividades no período estival e a nosa prioridade é apoiar ás entidades que organizan distintos actos nesta época.