Só o 17 por cento dos nados en Melide na última década teñen un nome propio en galego

Dos 563 nacementos rexistrados dende o 2008, inscribíronse 97 con voces no idioma da comunidade


melide / la voz

O primeiro sinal de identidade da xente non se escribe en galego en Melide. Polo xeral. Sen chegar a ser unha excepción, a presenza de nomes de pila no idioma propio da comunidade non é notable, significativa, entre as xeracións máis novas. Na última década, o municipio melidense rexistrou 563 nacementos. De todos eles, unicamente 97 foron inscritos con nomes en galego. Só representan o 17 por cento do total. A información extráese dun estudo publicado no último boletín anual editado polo Museo Terra de Melide.

Fírmao a mestra Socorro Cea, que satisfixo así o seu interese «por coñecer datos sobre o uso de nomes galegos no concello de Melide e, en función dos resultados obtidos, que a poboación reflexionara sobra a conveniencia de recuperar e poñer maioritariamente nomes propios do país como ocorre, por exemplo, no País Vasco e Cataluña», explica a autora. E as conclusións ás que se chega logo de analizar os nomes que levan os melidenses nados dende o 2008 ata o ano pasado convidan á reflexión da que fala Cea, toda vez que, entre os nomes máis frecuentes, os galegos non ocupan, nin moito menos, os primeiros postos; nin un só sobresae na relación dos dez primeiros. Dentro da minoría de nomes galegos, os máis repetidos en Melide na última década son, entre as nenas, Uxía (11 veces), Antía (8), Xiana (5), e Sabela e Icía (3), mentres que, entre os nenos, os máis frecuentes son Anxo (9), Brais (8), Xoel (7) e Xián (5).

Un único Roque

Socorro Cea recompilou a información para o seu estudo no Xulgado de Paz de Melide, de onde tamén se extraen nomes propios únicos entre os melidenses que naceron nos últimos dez anos. Brandán, Cibrán, Xela, Lúa, Alexandra, Alexandre, Antón, Carme, Denís, Mariña, Rois, Xosé e Xulieta forman esa relación de nomes exclusivos entre os cativos da última década en Melide, onde, nese mesmo período de tempo, tamén se rexistrou un só Roque. É algo que salienta como unha curiosidade a autora do estudo pola popularidade que ten o santo peregrino na localidade, onde as festas grandes se celebran en honor a San Roque, que, ademais, dá nome no rueiro ao espazo público máis céntrico do casco urbano.

Socorro Cea, tamén membro da directiva do museo etnográfico da comarca melidense, insiste en que co seu estudo, que presenta baixo o título Nomes galegos, por favor, «tentouse non só facilitar datos, senón que pretendeu servir de reflexión e, sobre todo, persegue animar a recuperar e usar nomes galegos». Considérao preciso xa que, explica, «un idioma castigado e en recesión en canto ao seu uso, como é o galego, precisa de atención e de discriminación positiva por parte da sociedade».

Antía, Uxía, Brais e Iago, os preferidos

 

 

As preferencias dos melidenses á hora de escoller nome para os seus fillos non son unha excepción no conxunto da comunidade, onde entre os dez nomes máis repetidos entre os nenos e nenas, non hai ningún en galego. É a «triste conclusión» á que se chega nas análises realizadas polo INE (Instituto Nacional de Estadística) con datos do padrón dos anos 2010-2016, segundo recolle a publicación que Socorro Cea asina no último boletín do museo etnográfico da comarca melidense.

Fronte a esa realidade, os nomes propios en éuscaro e en catalán «son maioría, con moita diferenza, entre as novas xeracións desas terras», afirma a autora, quen chama atención sobre o feito de que en Galicia os primeiros nomes no idioma propio da comunidade atópanse, no caso das mulleres, nos postos once e trece. Ocúpanos Antía e Uxía. Para atopar un nome de home en galego hai que descender aos postos doce, onde se sitúa Brais, e trece, que ocupa Iago.

En castelán

Na listaxe de nomes maioritarios entre os melidenses nados na última década -todos en castelán- obsérvase a recuperación dalgúns tradicionais como Manuel -que, con dez cativos así rexistrados, ocupa o segundo posto- e, ao mesmo tempo, a presenza residual doutros que non foron menos populares noutra época. É o caso de Antonio, Miguel, Fernando, Jorge, Francisco, Enrique e Guillermo, entre outros dos que só se contabiliza un neno nos últimos dez anos. Un nome que tamén foi frecuente noutro tempo e do que non hai constancia dende o 2008 é José.

E entre os nomes únicos de muller, na última década, en Melide figuran Aurora, Manuela, Teresa, Rocío, Eva, Sara, Belén, Adela, Mónica, María del Carmen e María Begoña, entre outros.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Só o 17 por cento dos nados en Melide na última década teñen un nome propio en galego