Levan á escena o repertorio musical do histórico manual de etnografía «Terra de Melide»

Herba Grileira presenta mañá pezas de principios do século XX


melide / la voz

Se ten inquedanza por saber como era o folclore popular de principios do século pasado na Galicia interior, ten unha cita mañá na Casa da Cultura de Melide. Ás oito da tarde, alumnado da escola local de baile e música tradicionais Herba Grileira subirá ao escenario para interpretar unha escolma das pezas musicais que autores galegos como Otero Pedrayo, Vicente Risco e Florentino López Cuevillas recolleron e logo deixaron por escrito no Terra de Melide, o referente manual de etnográfica da comarca que no 1933 saíu do prelo do Seminario de Estudos Galegos. Cantigas de berce, alalás, parrafeos, pandeiradas, carballesas, xotas e muiñeiras forman parte do repertorio que tocarán, cantarán e bailarán os artistas, que sairán ao escenario ataviados con vestimentas que lembrarán a época coa intención de trasladar ao público no tempo. Con igual propósito, o guión da gala tamén contén pasaxes teatralizadas de escenas cotiás daquel entón.

Na confección da proposta cultural levan tres meses traballando os catro mestres de Herba Grileira, que procuraron ser o máis fieis posibles á información recollida no libro, tanto no que se refire a letras como a partituras ou descricións adicionais. Miguel Varela, director artístico e profesor da asociación, explica que «a escolla non foi complexa; tamén tiñamos claro que queriamos facer algo variado e representativo do que hai». Con todo, permitíronse a licenza de reinterpretar e achegar unha visión propia do amplo repertorio orixinal. «O arranxo de pezas si foi máis complicado porque houbo que adaptalas ás diferentes disciplinas instrumentais que impartimos na escola, e queriamos que participasen o maior número de alumnos posible», indica. Serán uns corenta os que suban ao escenario para presentar un repertorio dunha hora de duración.

Grazas á iniciativa de diferentes colectivos e particulares da vila, o Terra de Melide reimprimiuse recentemente, coincidindo co corenta aniversario da súa última edición. Coa gala, na que o mestre Paco Veiga explicará o contexto histórico e a significación da obra para a comarca, Herba Grileira quere sumarse ás diferentes iniciativas que xorden para poñela en valor e divulgala.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Levan á escena o repertorio musical do histórico manual de etnografía «Terra de Melide»