«Un servizo funciona se a xente o demanda e en Melide hai lectores»

A biblioteca recibiu o máximo recoñecemento municipal polo seu 40 aniversario


melide / LA VOZ

Cando Ánxela López bota a vista atrás case catro décadas, o primeiro recordo que se lle vén á mente dos primeiros pasos da biblioteca pública de Melide é o frío. «Púñanse verdes as tapas da enciclopedia galega», conta como anécdota a traballadora municipal que comezou a atender o servizo co estreo de 1979. Só seis meses antes, a sala de lectura e de préstamo de libros abría ás súas portas á veciñanza nun espazo hoxe inexistente na planta baixa do consistorio, onde a humidade do local era caldeada pola efervescencia cultural dun tempo no que tamén viu a luz o museo etnográfico da comarca e a coral polifónica da vila. Lembra a bibliotecaria melidense que ambas entidades compartiron nos seu comezos espazo coa biblioteca para sinalar o que para ela é a semente do servizo: «a moita vida cultural que ten Melide».

E coa inquedanza de tres mestres xubilados -José Hermida, José Reinosa e Fernando Somoza -naceu nos albores da democracia a biblioteca municipal, que vén de recibir a Medalla de Ouro que outorga o Concello melidense en recoñecemento do traballo que desempeñan veciños e institucións en prol, neste caso, do desenvolvemento cultural. Ánxela López encomia o facer dos alicerces humanos da biblioteca, «xente solidaria, voluntaria e xenerosa que, pensando no ben común, encargouse de catalogar os primeiros libros, un traballo de valorar porque leva moito tempo e, ademais, está feito cunha caligrafía para ensinar».

Ese labor altruísta que fixo realidade «o que parecía unha utopía» -a biblioteca- tamén o desempeñou a propia Ánxela durante os seus primeiros dez anos de servizo. Non sae da súa boca, pero así foi, como certo tamén é «que un servizo funciona se hai usuarios, se a xente o demanda, e en Melide hai lectores». E volve tirar de anécdota a bibliotecaria para corroborar o que di: «O 2 de xaneiro de 1981 fixen 83 socios seguidos; lémbroo porque eu fun a última en inscribirme e teño ese número de carné». Aos poucos anos, xa se chegaba aos 600 asociados. Hoxe son 3.500 os lectores con carné.

Ánxela López vincula a aceptación do servizo ao feito de contar «cunha comunidade escolar moi viva», como pon de evidencia a resposta dos centros educativos do municipio ás diferentes actividades que se promoven dende a biblioteca para fomentar o san hábito da lectura. Compoñen un ben alimentado programa á marxe da receita persoal da bibliotecaria, que confesa que devora literatura infantil e xuvenil para logo poder recomendar libros a un público ao que tan doado e difícil á vez é chegar. E da man da comunidade educativa recibiu a biblioteca municipal a Medalla de Ouro do Concello de Melide, que este ano tamén lle concedeu o seu máximo recoñecemento ao Instituto de Ensino Secundario (IES) con motivo do seu 50 aniversario. Para Ánxela López, ambas institucións camiñan xuntas máis aló das distincións, toda vez que «a biblioteca non existiría se non existise unha comunidade educativa tan viva», insiste para engadir ao fío que «os centros educativos tamén precisan unha biblioteca pública ben dotada para complementar a formación do seu alumnado».

¿E é a de Melide unha biblioteca ben dotada? Ánxela López non dubida en responder que si, ata o punto de que, defende, «sería necesario máis persoal para darlle movemento a todo este fondo». E mergullándose nel, a bibliotecaria quédase coa sección local, «enriquecida en gran medida» con destacadas doazóns como as feitas pola congregación relixiosa dos Pais Pasionistas cando no 2009 pecharon o convento da vila, e polo escritor melidao Xosé Vázquez Pintor, que dende hai unha década lle dá nome á sala de lectura.

Lote fundacional. O Ministerio de Cultura autorizou a biblioteca en 1977 e dotouna de 2.500 libros. O Concello mercou 500 máis en galego.

Fondo actual. Consta de 22.000 volumes e vaise actualizando coas axudas estatais e autonómicas para adquirir novidades editoriais.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Santiago

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Un servizo funciona se a xente o demanda e en Melide hai lectores»