A Foliada afianza Melide como referente para os músicos do país

Natalia Rodríguez Noguerol
N. Noguerol MELIDE

MELIDE

JORGE PARRI

Pechará abril con tres días de festas con Davide Salvado como cabeza de cartel

13 abr 2017 . Actualizado a las 10:10 h.

28, 29 e 30 de abril?•?Casco vello melidense?• O grupo Zoelas abrirá o último venres deste mes

A Foliada, unha cita que reivindica a cultura musical galega e que consolidou Melide como referente para agrupacións folclóricas de toda a comunidade, volve este mes. De todos os recunchos de Galicia se desprazarán agrupacións a última fin de semana de abril para participar na vila melidá dun encontro que reunirá a vinte formacións nun concurso de taberna e a trece grupos máis na marcha gaiteira do serán. Un sólido cartel musical que nesta edición encabeza Davide Salvado.

Melide despedirá abril por todo o alto, porque de altura é a programación que os vindeiros días 28, 29 e 30 reunirá na vila a agrupacións de música popular de toda a comunidade. Para o folclore galego consolidou a vila melidá como referente a Foliada, que, trece anos despois de que nacese como un encontro de amigos en torno á música e ao baile galegos, propón ao público tres xornadas de festa, ás que darán a benvida Zoelas.

Esta incipiente formación de esencia feminina que soa cada vez con máis forza dentro do panorama musical galego é un dos grupos que integran o cartel da Foliada. Encabézao Davide Salvado, un artista autodidacta que botou a andar da man de Ugia Pedreira e Xosé Manuel Budiño e que labrou o seu perfil profesional cos ritmos e as coplas que foi recompilando polas aldeas galegas. Coma unha homenaxe ao aprendido de pandeireteiras e bailadoras foi concibido "Lobos", o disco en solitario que repasará o último domingo deste mes en Melide nunha actuación coa que dará paso no escenario a Blues do País. Este dúo, que converte clásicos do blues e do soul internacionais en cancións con referencias galegas, desembarcará acompañado pola banda de músicos O Sindicato da Verbena. Serán quen digan adeus a un cartel musical que na xornada do sábado ofrecerá os concertos dos percusionistas de Pelepau e do grupo Maskarpone.

Ska e reggae mesturados con rock e música tradicional son a proposta para despedir o día grande da Foliada, que, como tal, será o que arroupe tres dos máis grandes encontros de agrupacións de música popular do país. Repartiranse nun concurso de cantos de taberna no que vinte formacións animarán o ambiente nos bares do casco vello de Melide, nunha marcha gaiteira coa participación de quince formacións e nun serán no que trece formacións da comarca revivirán o que foi o xermolo da Foliada.

Como toda boa festa que se prece non se botará en falta a animación de rúa, que correrá a cargo dos tradicionais xigantes e cabezudos, e dos Treboeiros de Muimenta. E como espazo para reivindicar o folclore popular galego, non faltará o baile tradicional. Impartirá un taller Rebeca Tallón coa colaboración do grupo Bico da Balouta e ofrecerá unha exhibición a Asociación Cultural Donaire, da Coruña. Herba Grileira, de Melide, e Fiadeira, de Antas de Ulla, son as formacións ás que se lles encomendou o aporte musical matutino do domingo, que contará cunha sesión vermú a cargo de Andarivel.

Xogos populares como espazo de encontro entre xeracións, a actuación de Paco Nogueiras para o público infantil e o concerto íntimo do gaiteiro Óscar Ibáñez, que tamén presentará senllos traballos musicais sobre os tamén gaiteiros Xoán Tilve e Ricardo Portela, completan unha programación envolta nunha mostra de artesanía na que se exporán dende instrumentos tradicionais e traxes rexionais a tallas de madeira e de pedra. Estará emprazada na praza do Convento, o corazón do casco vello de Melide, o epicentro dunha Foliada que se presentou «logo de meses de moito esforzo», afirmou Miguel Varela, da asociación cultural e musical O Castelo, o colectivo que organiza o encontro. El e a súa compañeira Laura Ferreiro debullaron unha programación coa que a cita se afianza como «un referente no calendario musical e cultural de Galicia». Acompañounos a alcaldesa melidá, Dalia García Couso, que gabou o traballo da organización da Foliada e xustificou o apoio municipal co que conta na constancia de que «ten unha repercusión turística importante e fai gala do que son o noso baile e música tradicionais».