«Melide é moi consciente e coida dun patrimonio do que pode presumir»

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

sandra alonso

O director do Museo Terra de Melide e historiador documenta en detalle no seu quinto libro a historia da capital comarcal

26 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Todo Melide pode sentirse afortunado. Ter un veciño coma el é un luxo; como non menos privilexio é que sexan os seus paisanos quen ocupan o seu pensamento á hora de selar un traballo que sitúa á comarca como «unha das mellor estudadas de Galicia», asegura Xosé Manuel Broz. A Vila de Melide é o título do quinto «e derradeiro» libro do director do museo melidense, quen explica que coa publicación que vén de saír do forno editorial alcanza unha meta da que leva como recompensa «a honra de ser o intermediario de documentar a nosa historia; intermediario -explica- porque a vila é patrimonio de todos».

Na que pode considerarse, apunta, «como unha pequena enciclopedia do noso pobo escrita e gráfica», o estudoso melidense recompila en máis de seiscentas páxinas, con medio milleiro de fotografías, a historia da vila que o viu nacer hai 71 anos, e tamén o seu patrimonio dende todas as perspectivas posibles: relixioso, civil, etnográfico e cultural. O libro tamén recolle a xenealoxía de sesenta e dúas familias melidenses, un capítulo «que considerei moi interesante porque así coñecémonos todos, de onde vimos e, sobre todo e co permiso dos presentes, homenaxeamos e lembramos aos nosos antepasados, aos nosos patrucios». Trátase, en definitiva, «dun libro completo sobre a vila de Melide e as súas xentes», conclúe.

Coa publicación da que, amén de autor, é editor «sen ánimo de lucro», Xosé Manuel Broz pecha un ciclo no que o estudo do patrimonio da comarca melidá -tamén recollido con detalle nos seus catro libros anteriores- sempre foi da man da institución que dirixe, unha galería «con oito salas moi completas e cun excelente funcionamento, pese a súa precariedade económica», defende. Conta que «foi o museo quen me moveu a facer todo isto», e así se explica que A Vila de Melide sexa «unha posta a punto de todos os coñecementos que teño» dende que no ano 1982 publicou no primeiro dos vinte e oito boletíns que leva editado o museo melidense un traballo sobre o románico da comarca.

Coa autoridade que lle outorgan os estudos que dende entón leva firmado, di Broz que «Melide pode presumir do seu patrimonio. É moi rico -engade- en todos os aspectos; se non fose así, non se podería facer un libro coma este, con tanta calidade artística». Ademais de poder gabarse, «os melidenses somos moi conscientes do que temos e coidámolo», afirma o historiador, quen non deixa de admitir unha materia pendente no mellor aproveitamento do patrimonio como recurso turístico. «Estamos en vías de mellora con proxectos que agardamos que se materialicen con éxito», avanza sen dar pista algunha sobre o contido das iniciativas de dinamización. Xosé Manuel Broz confía a acollida do seu último libro á sensibilidade co propio dos seus paisanos, dos que lembra «o gran recibimento» que lle deron ao museo. «Case todas as pezas da galería son doazóns da xente, que foi tamén a que mercou o edificio histórico na que se atopa», recoñece.

O propio museo naceu nos albores da democracia do empeño dun grupo de veciños movidos, conta o seu director, «por un incipiente amor á terra, pola curiosidade e o descoñecemento que tiñamos da nosa propia historia». Trinta e oito anos despois, deixa o legado por escrito para os que están e para os que virán. «Dedicado ao meu neto Miguel, para que saiba das súas raíces, e dun lugar a onde regresar [...] e para o vosos netos, nenos, que serán os melidaos do mañá, os herdeiros desta vila», pode lerse no libro do insigne melidense. O dito: unha fortuna.

Presentación do libro. A Vila de Melide, con 350 exemplares en primeira edición, presentarase no museo melidense o venres, 1 de xullo, ás 20.30 horas.

Perfil polifacético. Mestre xubilado, Broz nunca deixou de cultivar os seus oficios de pintor, restaurador, investigador e escritor.