A ponte de Furelos

Xosé Manuel Broz

MELIDE

10 mar 2015 . Actualizado a las 18:21 h.

Esta ponte medieval, aparece nomeada no Códice Calixtino no s.XII. Non sabemos se é esta construción ou se refire a outra anterior, pois a igrexa constrúese nun románico tardío de fins dese século ou comezos do s.XIII.

A ponte actual está formada por 4 arcos desiguais, de medio punto, coas dovelas de cantería e os muros de pedra do país, cun deseño común neste tipo de pontes medievais. Ten tallamares e espolóns entre arcos, para a corrente da auga, que se atopan moi deteriorados.

No ano 1979 fíxose unha restauración dunha parte de muro caído, por solicitude do museo ante patrimonio, sendo Chamoso Lamas o seu director, e desde aquela non houbo ningunha intervención nela, polo que hoxe se atopa nun estado de abandono e desidia preocupantes, pois a incontrolada vexetación que a invade, con plantas que medran saíndo dos seus muros, árbores que ocultan a súa figura e varios derrubes das súas pedras, presenta unha imaxe deplorable de despreocupación polo noso patrimonio, tendo en conta que por ela pasan os peregrinos do Camiño de Santiago.

Esta ponte é das mellores do Camiño, e non lle sacamos o proveito que se merece, a ela e o seu entorno. 

Pero a ponte non é un elemento illado, senón que pertence a un rico entorno, quizais un dos máis fermosos do Camiño galego, é dicir:

Furelos, considerada villa na documentación, foi coto da Encomenda de San Xoán de Portomarín, e a casa do Comendador era a actual Casa Reitoral, como  testemuña a pedra con inscrición do ano 1530, que apareceu fai uns anos na parede da casa.

Non sabemos desde cando é encomenda, pero debeu ser desde antigo, pois a Orde de San Xoán estaba moi presente no Camiño de Santiago, e aquí fundou hospital de peregrinos, e o mesmo fixo no hospital das Seixas, no cume do Careón e no Camiño Primitivo, lugar que pertencía a Furelos. Esta encomenda tiña a súa importancia, independente de Melide, con Horca de xustiza, situada entre Furelos e Melide, da súa propia xurisdición; aínda é de ver que en algún mapa antigo nomease como Fures, e non se cita Melide.

Unha aldea con varias portas medievais, Igrexa románica do s.XIII, ponte de 4 arcos sobre un fermoso río, son elementos que compoñen un conxunto arquitectónico e etnográfico moi completo.

Furelos foi un centro importante de telleiros, aquel vello oficio artesanal da tella feita a man e cocida nos fornos que tiñan no monte da Madanela, oficio antigo pois xa se nomea no ano 1516 a francisco telleyro nun documento (1)

En Furelos existiu unha afamada Fábrica de curtidos, fundada no ano 1817 polo escribán Andrés Varela das Seixas, da familia desta liñaxe de Furelos, que tamén tiñan sepulturas na igrexa, das que se conserva un escudo cos apelidos Varela, que é quizais o máis abundante desta comarca desde os tempos medievais. Esta fábrica funcionou moi ben ata o s. XX, logo tivo a decadencia porque o seu propietario Ricardo Sánchez Varela, crego, non tivo descendencia e parou a súa actividade. Hoxe é unha excelente construción, testemuña dun inicial pasado industrial, que ben merecería a súa conservación e musealización pola súa tipoloxía como centro de curtidos, coas súas salas de píos para curtir as peles, un bo exemplo no país.

Así pois, só queda que alguén poña en valor a ponte de Furelos e a restaure como se merece, que é unha urxencia polo seu estado de abandono, e poña en valor esta aldea, villa de Furelos, considerada unha das máis fermosas do Camiño de Santiago galego.

Nas augas que pasan pola da ponte hai unha presa, que era chamada a presa do Comendador. No ano 1624 houbo un preito: El Comendador de Puertomarin con el monesterio de Mellid? teniendo una presa en el rio y junto a las casas de dicho lugar? que se llama presa del comendador desde tiempo inmemorial de mi parte?.y el Monesterio de Mellid estubieron redando y pescando con redes  a pescar en ella ?.volvieron con Gregorio varela estudiante y con una escopeta e otros con diferentes armas y sin que la justicia y vasallos de mi parte se lo pudiesen estorbar por los fieros y desafíos que les hicieron ?estuvieron redando la dicha presa con dos redes barrederas que traian?(2)

Pero os frailes alegaban que tiñan permiso do Conde de Altamira, porque tamén houbo un preito da Encomenda con Santiago e a Chancillería de Valladolid ditou como propiedade compartida; descoñecemos o auto final do preito da pesca na presa polos frailes de Melide, pero sabemos que o Conde de Altamira tiña aforadas parte das terras de Santiago nesta comarca, polo que os frailes se consideraban autorizados para pescar na presa.

Fai uns anos que se mercou unha casa onde se adecuou para Casa museo, onde se puido expoñer toda a historia e importancia que Furelos ten no Camiño de Santiago e na historia do país.

Bibliografía: Xosé M. Broz Rei: A ponte de Furelos, Boletín 20- ano 2007 do Museo.- (2)-Santispiritus, 2001- pax. 497- leg.25652- ano 1624-ARG.

                   (1) Las encomiendas Gallegas de la Orden Militar de San Juan de Jerusalén?de   

                   Isidro García Tato, 2004.- páx. 339