Melide programa unha semana de actos literarios para conmemorar o Día das Letras Galegas

La Voz

MELIDE

12 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Unha videoconferencia entre un grupo de escolares do municipio con alumnado doutros centros educativos na que se deu lectura a textos de escritores galegos abriu onte en Melide a programación cultural deseñada polo Concello para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se celebrará o vindeiro domingo en homenaxe a Ramón Piñeiro. O programa terá continuidade ata o vindeiro martes cunha serie de conferencias, de encontros literarios e cun recital de poemas.

Autores de primeira liña de cultura galega como Fusa Guillén ou Celso Fernández Sanmartín impartirán as charlas, que se programaron para os estudantes mañá e o xoves na biblioteca municipal.

A programación cultural estará aberta para todos os públicos cos encontros literarios derredor da vida e obra de Ramón Piñeiro. Da súa faceta como filósofo da poesía falará mañá o profesor Claudio Rodríguez Fer, a partir das oito e media da tarde no centro multiusos.